Axenda escolar redondelá 2015-2016

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración cos centros de ensino público redondeláns, editaron novamente a Axenda escolar redondelá, que recibirán 2025 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos do concello para o curso escolar 2015-2016.

As axendas estanse a distribuír de balde entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa–Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani.

Este é o cuarto ano consecutivo que se publican estas axendas co obxectivo de divulgar aspectos da cultura e do patrimonio locais entre a poboación máis nova, e contribuír a normalizar o uso da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2015-2016 inclúe algúns dos traballos de dinamización cultural e lingüística desenvolvidos durante o curso pasado polo Servizo de Normalización Lingüística cos centros de ensino, recupérase parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, inclúe as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contén especificamente contidos relacionados coa toponimia local.

Con esta publicación achégase ao alumnado redondelán unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, e preséntase coma un elemento necesario para a promoción da lingua galega e do patrimonio redondelán entre a poboación escolar.