Actividades para o APEGO en setembro

O Servizo de Normalización Lingüística organiza varias actividades, no mes de setembro, destinadas a bebés e á primeira infancia, co obxectivo de promover a dinamización lingüística nas idades máis temperás e como apoio ao desenvolvemento do programa APEGO.

Apego vai dirixido ás nais e pais para axudar á socialización en galego e crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo á nosa terra e á lingua que falamos. Pois a lingua na que aprendemos a falar vai ser a base da identidade futura das nenas e nenos de hoxe, e a través das actividades que se organizan preténdese darlle soporte a esa necesidade.

Cartel_APEGO_setembro_final

As actividades programadas son as seguintes:

OBRADOIROS DE PERCUSIÓN CON REFUGALLOS

11 de setembro, ás 18.00, 19.00 e 20.00 h. Multiúsos da Xunqueira.

Este obradoiro ten como obxectivo concienciar as nenas e nenos da importancia da reciclaxe e da reutilización de distintos obxectos, e promover a súa expresividade a través da música. Desenvólvese dun xeito lúdico por medio dun vehículo particular, “a percusión”, e as participantes aprenderán a valorar o traballo en grupo, a solidariedade, o medio ambiente e a utilidade da lingua galega para as actividades de lecer.

Desenvolveranse tres obradoiros (ás 18.00, 19.00 e 20.00 h), cunha duración aproximada de 45 minutos cada un, e destinados a idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos.

Os grupos vanse organizar segundo as idades, polo que haberá que inscribirse antes do 8 de setembro, a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.

PRENDE NO COLO, con Luís Prego.

20 de setembro, ás 18.00 h. Auditorio da Xunqueira, Redondela.

27 de setembro, ás 18.00 h. Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela.

Obradoiros didácticos para nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos, nos que se traballarán cantos de berce, xogos de dedos, recitados e cantigas.

Están impartidos por Luís Prego, músico, bailador, estudoso e investigador, fundador do grupo O Fiadeiro e membro do grupo de música folc Ardentía, que lle pon a voz a todas as músicas e compleméntaas ademais con acordeón e percusións.

A actividade é interactiva e admitirase unha persoa adulta por cada bebé participante.

Cómpre facer a inscrición antes do 16 de setembro, a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.

As actividades son de balde.