ACTIVIDADES DO APEGO PARA OUTUBRO E NOVEMBRO

O programa APEGO continúa desenvolvendo actividades para promover o uso da lingua galega entre a poboación máis nova e nas súas familias.

Nos meses de outubro e novembro realizaranse tres novas actividades orientadas a bebés e á primeira infancia, en diferentes espazos do multiúsos da Xunqueira.

3 de outubro, 12.00 h.
Raquel Queizás: NANOCONTOS.

Contacontos para bebés de de 0 a 3 anos, acompañados dunha persoa adulta. Duración: 40 minutos. Nanocontos

Este é un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á súa capacidade de atención.

Para os nosos amigos os animais cada día é unha nova aventura chea de cousas que aprender mentres xogan coas cores, as formas e a música. Porque cando se é tan pequeno até as cousas máis sinxelas se converten en todo un reto. Reinventan o mundo cunha mirada que o ve todo por primeira vez, abraiándose a cada paso mentres aprenden novos nomes para os obxectos que acaban de descubrir.

De balde, con prazas limitadas. Inscrición previa no teléfono 986 402 865

25 de outubro, 12.00 h.
Elefante Elegante: OS AXÓUXERES.

Dan man da compañía de teatro Elefante Elegante, a xira dos Axóuxeres 2015 percorrerá 26 localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, entre as que se atopa Redondela. AxóuxeresOs Axóuxeres son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo… cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego… coa lingua de noso. Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 40 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos bebés e nenos/as de 0 a 6 anos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

O título desta proposta é O peixiño de María, unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para achegarse a valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.

A entrada é de balde con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar cos seus bebés ou nenos/as de 0 a 6 anos poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10:00 a 13:00 horas, no teléfono 697 363 089.

22 de novembro, 18.00 h.
Cinema infantil: O PEQUENO MAGO.

Incluída na programación de Cinemas de Galicia, chega ao auditorio da Xunqueira a proxección deste filme de animación e aventuras, para público familiar. o-pequeno-magoTrátase dunha produción galega dirixida por Roque Cameselle que conta as azarosas e intrépidas aventuras de Bieito Dubidoso, un neno de nove anos con dotes máxicas, que consegue que uns malvados guerreiros fuxan espavorecidos. A partir dese momento comeza a ser coñecido coma “o pequeno mago”, e a vivir unha morea de aventuras a carón da súa amiga Destreza, coa que loitará contra a superstición e o atraso.

As entradas pódense adquirir no multiúsos da Xunqueira ao prezo de 3 €.

Cartel_Apego_outubro-novembro2015

Axenda escolar redondelá 2015-2016

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración cos centros de ensino público redondeláns, editaron novamente a Axenda escolar redondelá, que recibirán 2025 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos do concello para o curso escolar 2015-2016.

As axendas estanse a distribuír de balde entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa–Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e do 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani.

Este é o cuarto ano consecutivo que se publican estas axendas co obxectivo de divulgar aspectos da cultura e do patrimonio locais entre a poboación máis nova, e contribuír a normalizar o uso da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2015-2016 inclúe algúns dos traballos de dinamización cultural e lingüística desenvolvidos durante o curso pasado polo Servizo de Normalización Lingüística cos centros de ensino, recupérase parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas, a onomástica en lingua galega, inclúe as conmemoracións escolares e as celebracións propias de Redondela, e contén especificamente contidos relacionados coa toponimia local.

Con esta publicación achégase ao alumnado redondelán unha ferramenta útil para a organización das tarefas escolares, e preséntase coma un elemento necesario para a promoción da lingua galega e do patrimonio redondelán entre a poboación escolar.

Actividades para o APEGO en setembro

O Servizo de Normalización Lingüística organiza varias actividades, no mes de setembro, destinadas a bebés e á primeira infancia, co obxectivo de promover a dinamización lingüística nas idades máis temperás e como apoio ao desenvolvemento do programa APEGO.

Apego vai dirixido ás nais e pais para axudar á socialización en galego e crear vínculos coa familia, para asentar o arraigo á nosa terra e á lingua que falamos. Pois a lingua na que aprendemos a falar vai ser a base da identidade futura das nenas e nenos de hoxe, e a través das actividades que se organizan preténdese darlle soporte a esa necesidade.

Cartel_APEGO_setembro_final

As actividades programadas son as seguintes:

Seguir lendo Actividades para o APEGO en setembro