DÍA DE ROSALÍA 2015

A Radio Municipal de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística súmanse á celebración do DÍA DE ROSALÍA 2015.

Para conmemorar novamente o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837), sumámonos á proposta da AELG (Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega) coa iniciativa “Eu son Rosalía“.

A nosa achega consistirá na gravación en Radio Redondela, entre os días 10 e 20 de febreiro, de lecturas da obra rosaliana ou de opinións e impresións sobre a súa obra, nas que cada persoa descubrirá con cal das múltiples “rosalías” e con que sensibilidades da autora se sente máis identificada. Neste caso, deberán comezar coa frase “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, seguindo a iniciativa da AELG.

Día de Rosalía2015

O horario para achegarse á emisora de Radio Redondela (situada no 2º andar da Casa da Cultura) para facer as gravacións é de 13 a 14.30 h, e de 17.30 a 19.00 h, de luns a venres.

As gravacións emitiranse durante a programación habitual de Radio Redondela na semana do 23 ao 27 de febreiro.

Os audios das gravacións de EU SON ROSALÍA pódense escoitar en SOUNDCLOUD SERVIZO NL REDONDELA

QUICO CADAVAL E CELSO SANMARTÍN COS CONTOS DE JOSELÍN

O Servizo de Normalización Lingüística trae de novo a oralidade á escena.
Este sábado, 7 de febreiro de 2015, ás 20.00 h, o Centro Recreativo de Redondela acolle o espectáculo “Os contos de Joselín”.

Cartel contos_JoselínTrátase dun espectáculo que xoga coa comicidade das historias da nosa tradición oral e que provoca a hilaridade do público de calquera idade. Nel  aparecen historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… que chegan da man de dous grandes contadores galegos: Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
Estes dous contadores volven os ollos á tradición dos contacontos a través dun teatro de actualidade, lúdico, crítico e aberto á interacción co público, e aproveitan a figura do narrador galego de máis éxito de todo o século XX: Joselín.

José Rodríguez Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Foi un home versátil e contraditorio, que tivo o seu maior momento de popularidade de 1929 a 1932, en Galicia, e xa nos anos 30, na Arxentina.

Admirado polos galeguistas republicanos e condecorado polas ditaduras, foi en ídolo de masas en Buenos Aires, guionista de cine en Madrid, e converteuse en supervendas discográfico en Galiza, España e Arxentina, cos seus vinte e tres ‘contos galegos’ gravados. A súa descuberta chegou hai uns meses cunha edición de aCentral Folque da súa obra gravada completa, editada nun libro-CD titulado Os contos de Joselín. José Rodríguez de Vicente. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954).

Cadaval e Celso conseguen fundir as súas narracións coa súa capacidade de improvisación narrativa nun espectáculo no que evocan a Joselín, nas súas facetas de contador e cantador de historias, e no que se achegan a temas de actualidade e interactúan co público. Ademais no espectáculo ofrecen tamén unha proxección de imaxes históricas de Joselín, e a oportunidade de oír un conto gravado na súa voz.

Quico Cadaval é un actor, director e adaptador teatral, impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Comezou nos anos sesenta na interpretación teatral co Centro Dramático Galego e a mediados dos oitenta fundou a súa propia compañía, “O Moucho Clerc”. Traballou en diferentes producións da televisión autonómica galega, así como en curtas e longametraxes, e na actualidade continúa vencellado ao audiovisual como actor e como guionista.

Celso F. Sanmartín é un contador de contos e historias de tradición oral, que continúa co movemento xurdido en Galicia nos anos noventa. Os seus contos beben directamente da tradición oral da súa comarca natal, o Deza, dun xeito orixinal e auténtico, que o converte nun referente neste estilo. As súas historias son xenuínas e chegan do máis fondo da sabedoría popular, desa transmisión oral que nos identifica como pobo.

As entradas para o espectáculo (5 € / 3 € para estudantes e xubiladas), están á venda no multiúsos da Xunqueira dende o xoves 5 de febreiro, e o mesmo sábado estarán á venda no Centro Recreativo de Redondela dende dúas horas antes á función.