Axenda escolar redondelá 2014-2015

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración cos centros de ensino público redondeláns (a través da Coordinadora ENDL de Redondela), editaron de novo a Axenda escolar redondelá, que recibirán preto de 1900 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos redondeláns para o curso 2014-2015 . Axendas escolares1

As axendas estanse a distribuír de balde entre o alumnado de ensino primario do CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira, CEIP Igrexa– Chapela, CEIP Laredo, CEIP Outeiro das Penas, CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela e CEIP Santo Paio de Abaixo, e de 1º ciclo da ESO do IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani.

Este é o terceiro ano consecutivo que se publican estas axendas co obxectivo de divulgar aspectos da cultura e do patrimonio locais entre a poboación máis nova, e contribuír a normalizar o uso da lingua galega entre o alumnado redondelán.

A edición para o curso 2014-2015 inclúe algúns traballos de dinamización cultural e normalización lingüística desenvolvidos durante o curso pasado (coma as funcións escolares de teatro ou monicreques); iniciativas a prol da lingua galega coma o videoclip “Terra”; información relativa a construcións populares e tradicións; historias relacionadas coa tradición redondelá; elementos do patrimonio arquitectónico; divúlgase a figura de Rita Otero, persoeiro redondelán homenaxeado en 2014; recupérase parte do patrimonio inmaterial a través de ditos e coplas; a onomástica en lingua galega; e inclúe as conmemoracións escolares e as celebracións de Redondela.

Poderase descargar en breve, en formato pdf, do blog do SNL http://servizonlredondela.blogaliza.org/, e mais no da Coordinadora ENDL  de Redondela http://coordinadoraendlredondela.blogspot.com.es/

Esta publicación foi posible grazas á participación dos centros de ensino público redondeláns, e ano a ano foise convertendo nunha ferramenta útil para a organización escolar do alumnado e nun elemento necesario para a promoción da lingua galega e do patrimonio redondelán entre a poboación escolar.

Pódese descargar na seguinte ligazón: http://issuu.com/servizonormalizacionlinguisticaredo/docs/axenda_esc._redondel___2014-2015/1