VI Semana do libro, a festa das palabras

As Bibliotecas de Redondela e mais o Servizo de Normalización Lingüística organizan VI Semana do libro, a festa das palabras.

Esta celebración que xira arredor da data sinalada do 23 de abril como Día Mundial do Libro, artéllase para divulgar o libro como un elemento de cultura e enriquecemento persoal e social, e incide na animación á lectura e na divulgación das linguas que nos son máis próximas, as que se falan na Península Ibérica: galego, castelán, portugués, asturiano, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.

Este evento, centrado inicialmente nunha semana de actividades esténdese, neste 2014, a todo o mes de abril, onde ademais de celebrarse a exposición multilingüe habitual, vanse desenvolver relatorios, actividades de promoción da oralidade e presentacións de diversas publicacións, unhas abertas a toda a cidadanía e outras para alumnado dos centros de ensino redondeláns.

Os materiais que conforman a exposición son achegas de distintos organismos que veñen colaborando nos últimos anos coa doazón de libros e revistas, como o Instituto Camões de Vigo, o Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, a Academia de la Llingua Asturiana, a Academia de L’Aragonés, e dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Esta mostra multilingüe achega un valor engadido á propia celebración do día do libro, pois xunta o obxectivo inicial de procurar unha animación á lectura co obxectivo transversal de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. O coñecemento doutras realidades lingüísticas contribuirá tamén a que aprendamos a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos, a interesarnos polo seu coñecemento e a considerar mellor a nosa propia.

A exposición multilingüe estará instalada do 21 ao 23 de abril no Multiusos do Piñeiral do Crego, e do 24 ao 30 no Multiusos da Xunqueira. A programación deste ano inclúe as seguintes actividades:

mércores 2 de abril, ás 11.30 h. Pedro Feijoo:  A MEMORIA DA CHOIVA. Charla co alumnado do IES Mendiño sobre Os fillos do mar e presentación de A memoria da choiva.

martes 8 de abril, ás 20.00 h. X. Henrique CostasO VALEGO, as falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura). Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 15 de abril, ás 20.00 h. Manuel Gago. Vento e Chuvia: unha ollada á relixión e á mitoloxía da Idade do Ferro en Gallaecia. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 22 de abril.

  • Ás 10.30 e 12.00 h: Modestos contos de Broadway. LEIXAPRÉN. Obradoiros plástico-literario-musicais no Auditorio do Piñeiral do Crego para o alumnado do IES Chapela.
  • Ás 12.00 h. Soledad Felloza: teatralización sobre “Os antigos deuses galaicos”, para o alumnado dos IES Mendiño, Illa de San Simón e Pedro Floriani. Auditorio da Xunqueira.
  • Ás 20.00 h. Olga Lalín e Esther Medraño. Sensibilizando sobre o autismo. Presentación do libro HADA ESTHER. Casa da Cultura. Entrada libre.

martes 29 de abril, ás 20.00 h. Gemma Sesar: VIDA DE NAI. Multiusos do Piñeiral do Crego. Entrada libre.