Publicidade redondelá

PUBLICIDADE REDONDELÁ é unha campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial e empresarial. O obxectivo principal é promocionar os establecementos que usan o galego como lingua habitual e animar a outros a que dean o paso e desenvolvan a súa actividade na nosa lingua.

Este proxecto inclúe a divulgación de vídeos publicitarios dos establecementos (o primeiro deles é a presentación, NÓS OFRECEMOS), a través da rede, no que os propios comerciantes e propietarios presentan a súa actividade. Despois seguirán outros vídeos nos que darán os seus argumentos e animarán a outros establecementos a que fagan o mesmo.

Inclúe tamén a divulgación da campaña a través dunha páxina propia na rede social Facebook, PUBLICIDADE REDONDELÁ https://www.facebook.com/publicidaderedondela e no blog do Servizo de Normalización Lingüística http://servizonlredondela.blogaliza.org/.

No proxecto convídase á participación da poboación en xeral achegando referencias dos establecementos que traballan habitualmente en lingua galega. A proposta de participación inclúe a achega de fotos documentais ou pequenos vídeos, e datos dos establecementos. Está aberto a calquera negocio, establecemento comercial, hostaleiro ou empresa radicada no concello de Redondela ao que se lle dará publicidade de balde a través desta plataforma.

PROPOSTA DE PARTICIPACIÓN

  • Se tes un establecemento, negocio ou empresa no concello de Redondela e traballas habitualmente en galego, podes achegar fotografías ou un pequeno vídeo (de duración inferior a 60 segundos), onde se mostre a túa actividade. Tamén podes crear un perfil na rede social Facebook e facerte seareiro da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ onde se difundirá a túa actividade https://www.facebook.com/publicidaderedondela.
  • Se es unha persoa usuaria ou cliente dalgún establecemento que exerce a súa actividade en lingua galega, podes achegar os seus datos acompañados dalgunha foto que sirva de documento. Esa información divulgarase tamén a través da páxina PUBLICIDADE REDONDELÁ.

Toda a información deberá achegarse a través do correo electrónico redondelasnl@gmail.com

Dende o SNL promocionamos os establecementos comprometidos coa lingua galega!

Inscrición para cursos de lingua galega en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística anuncia a próxima celebración de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA1, CELGA2, CELGA3 e CELGA4, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como en anteriores edicións, o SNL do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para solicitar a celebración dalgún destes cursos en Redondela.

As persoas interesadas deberán facilitar os seus datos a través do teléfono 986 400300 (pedindo a comunicación co SNL) ou do correo electrónico normalizacion@redondela.es até o 21 de febreiro, que deberán incluír: nome e apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico de contacto, e parroquia de residencia.

Estes cursos preparatorios para as probas CELGA son voluntarios e gratuítos, e desenvolveranse entre os meses de abril e maio.

VERSIÓN ORIXINAL, novo ciclo de cinema en galego

VERSIÓN ORIXINAL é o nome do ciclo de cinema en lingua galega, iniciado en 2013, que pretende achegar producións audiovisuais de calidade á poboación redondelá. As proxeccións, en alta definición, realizaranse de febreiro a abril, a venres alternos, no Auditorio da Xunqueira.

Esta actividade de dinamización lingüística pretende mostrar a riqueza e utilidade da lingua galega para as creacións audiovisuais, ao tempo que impulsa actividades de lecer en galego para toda a cidadanía. Ademais procura unha sensibilización da poboación cara ás creacións artísticas galegas e a necesidade de apoiar as producións que se fan en Galicia.

O ciclo vaise desenvolver do 7 de febreiro ao 4 de abril, e incluirá producións de recoñecido prestixio e calidade. Desenvolveranse os venres 7 e 21 de febreiro, 7 e 21 de marzo, e 4 de abril, ás 21.00 horas.

Nesta segunda edición exhibiranse cinco producións galegas de notable éxito nos últimos anos: Doentes, dirixida por Gustavo Balza, sobre o texto da obra teatral orixinal de Roberto Vidal Bolaño; Arraianos, dirixida por Eloy Enciso, e baseada parcialmente na obra O bosque de Jenaro Marinhas del Valle; 18 comidas, dirixida por Jorge Coira, premio Mestre Mateo 2011 á mellor longametraxe, entre outros premios; Costa da Morte, dirixida por Lois Patiño; e Tralas Luces, dirixida por Sandra Sánchez. Todas as producións son aptas para todos os públicos, agás a primeira que é recomendada para maiores de 7 anos.

O calendario é o seguinte:

venres 7 de febreiro:  DOENTES

venres 21 de febreiro:  ARRAIANOS

venres 7 de marzo:  18 COMIDAS

venres 21 de marzo:  COSTA DA MORTE

venres 4 de abril:  TRALAS LUCES

As entradas poderanse adquirir no Multiusos da Xunqueira dende 2 días antes a cada proxección e teñen un prezo de 3 €.