Cinema infantil para o Nadal

Este Nadal, dentro das actividades de lecer para os máis pequenos, e co obxectivo de mostrar a utilidade e riqueza da lingua galega na creación audiovisual, proxectaranse dous filmes galegos de animación de grande prestixio e recoñecemento: “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”.

As proxeccións desenvolveranse no Multiusos do Piñeiral do Crego en Chapela, e no Multiusos da Xunqueira en Redondela, con entrada libre e de balde.

O BOSQUE ANIMADO (2001), dirixida por Ángel de la Cruz, conta a vida no bosque, onde conviven en paz animais e árbores até que aparece un novo e estraño veciño: o poste. Cando a harmonía do entorno é alterada pola man do home, os moradores do monte loitarán para recuperala.

  • Luns, 23 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela.

  • Luns, 30 de decembro, ás 18.00h, no Auditorio da Xunqueira.

Foi a primeira longametraxe de animación europea en 3D e obtivo numerosos premios e recoñecementos, entre os que destaca o premio Goya á mellor produción de animación en 2002.

O SOÑO DUNHA NOITE DE SAN XOÁN (2005), dirixida por Ángel de la Cruz e Manuel Gómez, está baseada na obra de William Shakespeare.

Din as lendas que unha noite ao ano, no San Xoán, os humanos poden acceder ao Mundo Máxico. Elena, intelixente pero pouco soñadora, non cre en contos. Pero cando cae enfermo seu pai, o duque Teseo, ela está disposta a calquera cousa para lle devolver a ilusión. Mesmo ir na procura de Titania, a raíña das fadas. Mais o Mundo Máxico xa non é o que era…

  • Domingo, 29 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio da Xunqueira.

  • Luns, 30 de decembro, ás 18.00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego, Chapela.

No seu palmarés conta cun premio Goya da Academia Española á mellor película de animación en 2006.

A entrada é libre e de balde até completar aforamento.

Mapas coa toponimia de Negros e Saxamonde

Comeza a exposición pública dos mapas coa toponimia recollida nas parroquias de Negros e Saxamonde.

O traballo de recollida da toponimia redondelá iniciouse en 2012, froito da celebración dun curso de toponimia organizado polo IEM (Instituto de Estudos Miñoranos), a Universidade de Vigo e os Concellos de Vigo e Pontevedra, no que participou o Servizo de Normalización Lingüística. Daquela comezouse cos traballos de campo en Saxamonde e Negros, e realizouse a recollida da microtoponimia e a súa xeorreferenciación. Con esa información traspasáronse agora os datos aos mapas que van ser expostos nos centros culturais de Chan das Pipas (en Saxamonde), e no Centro cultural e veciñal de Negros.

O obxectivo desta exposición pública é facilitar á veciñanza destas dúas parroquias que poida comprobar se os nomes recollidos son correctos e se están ben localizados nos mapas. Deste xeito a veciñanza poderá corrixir ou completar a información recollida, para o que se disporá tamén dun formulario onde rexistrar os comentarios e emendas.

O rexistro desta valiosa información é fundamental para evitar que se perda ese rico patrimonio, que nos transmite información da historia, dos usos e costumes, e dos lugares máis significativos de cada territorio, dende os nomes dos camiños e corredoiras, pasando polas terras de cultivo, o monte, os ríos e regatos, até construcións singulares e comunitarias como cruceiros, fontes ou lavadoiros.

Os mapas estarán a disposición da veciñanza dende o 18 de decembro até o 31 de xaneiro no horario habitual de apertura de cada centro cultural.