A nena e o grilo nun barquiño arriba a Redondela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística trae a Redondela a actividade musical “A nena e o grilo nun barquiño”, incluída dentro do programa de Dinamización Lingüística FalaRedes.


Trátase dunha actividade dirixida aos máis novos e ao público familiar que complementa as iniciativas de promoción da lingua galega desenvolvidas dende a RDL (Rede de Dinamización Lingüística) á que pertence o Concello de Redondela.

FalaRedes pretende crear espazos de uso e de aprendizaxe en galego nos ámbitos do lecer e da cultura, ligando a imaxe da lingua galega aos valores positivos da sociedade moderna, co obxectivo de reforzar o uso do galego entre persoas galegofalantes e facilitar a interacción en galego á poboación infantil e á mocidade castelá falante.

Nesta ocasión chega a Redondela A nena e o grilo nun barquiño, un espectáculo musical para toda a familia con cancións de Magín Blanco, no que a nena e mais o grilo van emprender unha viaxe que lles permitirá descubrir o mundo, as súas aventuras e os seus segredos. A solidariedade, o respecto á natureza, a identidade… son algúns dos valores que transmiten os personaxes a través das súas propias peripecias e das letras das cancións que as acompañan. Magín Blanco estará acompañado por un grupo de 5 músicos que farán vibrar aos máis pequenos coas súas contaxiosas melodías, cos seus ritmos vibrantes e as letras máis divertidas.

A actuación celebrarase no Auditorio da Xunqueira de Redondela o domingo día 1 de decembro ás 12.00 h.

As entradas son de balde pero é preciso retiralas no propio Multiusos da Xunqueira a partir do martes 26 de novembro.

Aquí deixamos unha pequena mostra do que se vai escoitar no espectáculo.

 

LARETA 2013, Festival de monólogos de Redondela

 O Servizo de Normalización Lingüística organiza a segunda edición do Festival de Monólogos de Redondela, LARETA 2013.

Trátase dun evento cultural que naceu en 2012 co obxectivo de fomentar o uso oral da lingua galega e de promover a creación artística daquelas persoas que apostan pola nosa lingua como ferramenta de traballo e medio de comunicación.

O nome do festival de monólogos, LARETA, quere incidir precisamente niso: en laretar, falar sen control e sen medida, dicir o que se queira pero sempre utilizando a lingua galega como vehículo de comunicación. Alén diso, quere ser tamén unha proposta creativa e artística con continuidade no tempo, que se converta nun referente dentro da oferta cultural redondelá e que vén avalada polo éxito da súa primeira edición.

Nesta segunda edición, que se celebrará os sábados ás 20.00 h, contaremos coa participación de Luís Zahera, Quico Cadaval, Sergio Pazos e Cándido Pazó para público adulto, e Paula Carballeira para público infantil.

As sesións celebraranse no Auditorio da Xunqueira de Redondela os sábados 16, 23 e 30 de novembro, e 7 e 21 de decembro. O prezo da entrada xeral é de 4 €, e para persoas xubiladas, estudantes e público infantil 2 €. Mais é posible tamén adquirir un bono para as cinco funcións ao prezo de 16 € ou 8 € para a entrada reducida, que se poderá reservar dende o xoves 7 de novembro.

A venda de entradas anticipadas para cada función farase dende dous días antes a cada unha, na recepción do Multiusos da Xunqueira.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a veciñanza redondelá a asistir a esta proposta cultural que reivindica o uso oral da lingua propia de Galicia.

Os Axóuxeres en Redondela

Redondela foi a nova parada dos Encontros dos Axóuxeres, unha actividade de dinamización lingüística para os máis novos promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Rede de Dinamización Lingüística, da que forma parte o Concello de Redondela.

Este espectáculo para cativos menores de 6 anos cheo de historias, música e diversión, celebrouse o domindo 3 de novembro no Multiusos da Xunqueir, e desta volta chegou da man da compañía Caramuxo Teatro, pioneira do teatro para bebés en Galicia.

Cada un destes Encontros dos Axóuxeres, de aproximadamente 35 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos cativos un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego. Na representación cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións creadas a pé feito para a montaxe e que conseguen a participación do público.

A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, pero cómpre facer unha reserva previa. Desta volta a capacidade do espectáculo quedou pequena ante a gran demanda suscitada en Redondela, así que agardamos que haxa novas oportunidades.