Recuperando a toponimia redondelá

Retomamos os traballos de recuperación da microtoponimia, os nomes de lugar, a través dun traballo de recollida que vai desenvolver  TRESPÉS no vindeiro trimestre, nas parroquias de Cabeiro e Vilar de Infesta.

Co fin de informar sobre este proceso e sensibilizar a poboación destas parroquias, e á poboación redondelá en xeral, sobre a importancia dos nomes de lugar como parte do noso patrimonio e o seu significado dentro da cultura propia, desenvolveuse onte un  relatorio impartido polo profesor e estudoso redondelán Xosé Couñago Ribeira, baixo o título: Os nomes de lugar, patrimonio inmaterial da parroquia. Ademais, Paulo Jablonski, un dos membros da sociedade cooperativa TREPÉS, explicou como se vai desenvolver o proceso de recollida e solicitou a implicación dos veciños e veciñas como informantes de primeira man en todo este proceso de posta en valor dos nomes de lugar da parroquia. Para isto tamén se vai aproveitar o traballo de recollida que fixeron dende o propio Centro Cultural de Cabeiro no ano 2010.

O pasado ano, froito da participación nun curso de toponimia organizado polo IEM (Instituto de Estudos Miñoranos), a Universidade de Vigo e os Concellos de Vigo e Pontevedra, realizouse a recollida da microtoponimia noutras dúas parroquias: Saxamonde e Negros. Os resultados destes traballos de recuperación e xeorreferenciación van ser expostos en breve nos dous centros culturais correspondentes a estas parroquias, co fin de que a veciñanza poida corrixir ou completar a información recollida neses mapas.

O rexistro desta valiosa información é fundamental para evitar que se perda ese rico patrimonio, que nos transmite información da historia, dos usos e costumes, e dos lugares máis significativos de cada territorio, dende os nomes dos camiños e corredoiras, pasando polas terras de cultivo, o monte, os ríos e regatos, e construcións singulares e comunitarias como cruceiros, fontes ou lavadoiros.

O vindeiro xoves, 3 de outubro, farase a presentación deste proxecto no Centro social e cultural de Vilar de Infesta, onde Xosé Couñago dará tamén unha charla sobre os nomes de lugar.