Recuperando a toponimia redondelá

Retomamos os traballos de recuperación da microtoponimia, os nomes de lugar, a través dun traballo de recollida que vai desenvolver  TRESPÉS no vindeiro trimestre, nas parroquias de Cabeiro e Vilar de Infesta.

Co fin de informar sobre este proceso e sensibilizar a poboación destas parroquias, e á poboación redondelá en xeral, sobre a importancia dos nomes de lugar como parte do noso patrimonio e o seu significado dentro da cultura propia, desenvolveuse onte un  relatorio impartido polo profesor e estudoso redondelán Xosé Couñago Ribeira, baixo o título: Os nomes de lugar, patrimonio inmaterial da parroquia. Ademais, Paulo Jablonski, un dos membros da sociedade cooperativa TREPÉS, explicou como se vai desenvolver o proceso de recollida e solicitou a implicación dos veciños e veciñas como informantes de primeira man en todo este proceso de posta en valor dos nomes de lugar da parroquia. Para isto tamén se vai aproveitar o traballo de recollida que fixeron dende o propio Centro Cultural de Cabeiro no ano 2010.

O pasado ano, froito da participación nun curso de toponimia organizado polo IEM (Instituto de Estudos Miñoranos), a Universidade de Vigo e os Concellos de Vigo e Pontevedra, realizouse a recollida da microtoponimia noutras dúas parroquias: Saxamonde e Negros. Os resultados destes traballos de recuperación e xeorreferenciación van ser expostos en breve nos dous centros culturais correspondentes a estas parroquias, co fin de que a veciñanza poida corrixir ou completar a información recollida neses mapas.

O rexistro desta valiosa información é fundamental para evitar que se perda ese rico patrimonio, que nos transmite información da historia, dos usos e costumes, e dos lugares máis significativos de cada territorio, dende os nomes dos camiños e corredoiras, pasando polas terras de cultivo, o monte, os ríos e regatos, e construcións singulares e comunitarias como cruceiros, fontes ou lavadoiros.

O vindeiro xoves, 3 de outubro, farase a presentación deste proxecto no Centro social e cultural de Vilar de Infesta, onde Xosé Couñago dará tamén unha charla sobre os nomes de lugar.

Axenda escolar redondelá 2013-2014

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino editan, novamente, a Axenda escolar redondelá, desta volta para o curso 2013-2014, en colaboración cos centros de ensino redondeláns e a través da Coordinadora ENDL de Redondela.

Con esta publicación, que se distribuirá de balde a alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, preténdese divulgar aspectos da cultura e o patrimonio locais, facendo fincapé en persoeiros redondeláns destacados, en elementos do patrimonio material e inmaterial e en traballos de dinamización cultural e lingüística desenvolvidos no curso pasado. Ademais inclúe coplas e refráns, onomástica en lingua galega e referencias ao patrimonio e ás celebracións  de Redondela.

O pano de fondo desta ferramenta é contribuír a normalizar o uso da lingua galega no día a día da actividade escolar, e ha servir para organizar as tarefas do alumnado e incluír aspectos culturais propios na actividade académica.

A tiraxe desta axenda foi de 1600 exemplares, que se distribuirán entre o alumnado dos centros que así o solicitaron (CEP Santa Mariña, CEIP Alexandre Bóveda, CEIP de Cedeira,CEIP Igrexa – Chapela,CEIP Laredo,CEIP Porto-Cabeiro, CEIP Quintela, CEIP Santo Paio de Abaixo, IES Chapela, IES Illa San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani).

Cursos de lingua galega nas EOI

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicou no DOG núm. 166, do luns, 2 de setembro, a ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no último trimestre de 2013.

Pódese consultar a convocatoria completa nesta ligazón.

Nas EOI máis próximas a Redondela, Pontevedra e Vigo, ofrecen os seguintes cursos: