Curtas para rematar o ciclo de CINEMA NA RÚA

  • Martes, 20 de agosto: UN CAFÉ DE OLLOS VERDES e MEMORIAS DUN PARADO

Curtametraxes. Drama, 25′ (1992); Comedia, 40′ (1991). Director: Antonio Simón.

Dúas curtas nas que participou Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado nas Letras Galegas 2013.

Un café de ollos verdes” é un guión de Lino Braxe que conta o que acontece nunha colonia africana cun grupo de homes que ve alterado o seu aborrecemento coa chegada dunha muller.

Memorias dun parado” desenvolve o guión do propio Simón e Rivadulla Corcón, no que o desempregado Edelmiro Pazos herda de seu tío Xulio despois do pasamento deste en Miami. A condición para Edelmiro se facer coa herdanza consiste en enterrar as cinzas do tío Xulio nun lugar que ha de atopar… Darlle sepultura non vai ser doado.

Este filme conta tamén coa interpretación do recentemente falecido Xosé M. Olveira “Pico”.

Santa Liberdade, terceiro filme de CINEMA NA RÚA

Documental histórico, 88′ (2004). Directora: Margarita Ledo.

Mar do Caribe, 1961. O navío “Santa María” é tomado por un grupo de antifascistas. Baixo o mando do portugués Henrique Galvão, os galegos Velo e Sotomayor e unha vintena dos chamados “piratas da liberdade” ibéricos escriben un curioso capítulo na loita contra as ditaduras de Franco e Salazar: a historia do primeiro secuestro político dun transatlántico.

Este documental conta como o barco foi cercado por buques de guerra dos EEUU, España e Portugal e presenta os propios asaltantes (Federico Fernández Ackerman, Camilo Tavares Mortágua e Víctor Velo Pérez). Interveñen entre outros, o mítico fotógrafo Manuel Ferrol e o coñecido escritor Dominique Lapierre.

Galatasaray-Dépor, segundo filme de CINEMA NA RÚA

 

 

Longametraxe – comedia, 90‘ (2005). Director: Hannes Stöhr.

O argumento fíase arredor dunha muller de negocios en Moscú, un excursionista en Estambul, un peregrino húngaro en Santiago de Compostela e unha parella francesa en Berlín. Catro casos de roubo de equipaxe, catro comisarías de policía, catro problemas de entendemento lingüístico, catro visións da Champions League. Todo o mesmo día da final desta competición entre o Galatasaray de Istambul e o Deportivo da Coruña. En clave de comedia, as diferencias culturais e lingüísticas dos europeos cun pano de fondo, o fútbol, que parece ser o que máis nos une.

Palmarés: Seleccionada para a Berlinale, sección oficial a concurso.