BailadELAS, de Roberto Vidal Bolaño a Redondela

Continuamos coa celebración das Letras Galegas 2013, en Redondela, cunha actividade teatral, a mellor homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.

O vindeiro domingo, 9 de xuño, ás 21.00 h, o Auditorio da Xunqueira acollerá a representación teatral de “BailadELAS”, mulleres bolañesas, de Teatro Antroido.

O espectáculo está composto por seis cadros escénicos tirados doutros tantos textos de Roberto Vidal Bolaño: Laudamuco, señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas, seleccionados por Xavier Estévez e Roi Vidal Ponte, e interpretados por Laura Ponte, a actriz que xunto a Vidal Bolaño fundou en 1974 Teatro Antroido, a primeira compañía de teatro profesional galega.

Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando até que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra”.

Este é unha boa oportunidade para achegármonos á obra de Roberto Vidal Bolaño e comprender a importancia que a súa figura e as súas creacións tiveron na xeración do teatro galego contemporáneo.

As entradas poderanse adquirir no mesmo Multiusos da Xunqueira, a un prezo de 3€, o mesmo día da función, dende as 18.00 h.