Roberto Vidal Bolaño a través de Roberto Pascual

Para ilustrarnos acerca da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2013, este luns, 20 de maio, ás 20.30 h, na Casa da Cultura de Redondela, o autor e crítico teatral, profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual,  achegaranos a Roberto Vidal Bolaño e ás diferentes profesións teatrais  que tanto contribuíu a dignificar e modernizar.

Para iso vai explicar e profundar sobre as cuestións desenvolvidas no seu libro “Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro“, publicado por Edicións Xerais.

E saberemos que Roberto Vidal Bolaño utilizou todos os recursos posibles e inventou outros para facernos entender o teatro, para modernizalo e dignificalo, coa súa poderosa voz, “con máscaras, coa forza expresiva do corpo, dos ritmos populares, de técnicas audiovisuais…”.

“Esta obra amosa o que hai detrás dos fíos que crean a maxia inesgotable, eternamente transformadora, da arte do teatro”, e Roberto Pascual vainos axudar a descubrilo.