GÚSTAME O GALEGO en Redondela

A campaña de dinamización lingüística GÚSTAME O GALEGO estará este domingo en Redondela.

Esta campaña, promovida pola CTNL (a Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística), é unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela que colabora na programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela cunha actividade de promoción da lingua galega, aproveitando que a celebración das Letras Galegas 2013 coincide con este festival internacional.

O obxectivo desta actividade é facer reflexionar e sensibilizar a cidadanía en xeral sobre a necesidade de espallar o uso da lingua galega, facendo visibles determinados lemas que inciden en conviccións ou desexos para o futuro da lingua propia de Galicia.

Vai destinada especialmente a todas aquelas persoas orgullosas da súa lingua que ademais queiran mostrar aos demais a súa fachenda e facer pensar acerca das actitudes e os usos lingüísticos. A campaña consiste en achegarse ao fotocol que estará na Praza da Constitución e tirar unha foto co lema que máis lle guste a cada quen.

As persoas que queiran participar poderán achegarse de 12.00 a 14.00 h, e de 17.00 a 21.00 h á Praza da Constitución de Redondela.

PARA FACERMOS VISIBLE A NOSA ESCOLLA E O NOSO DESEXO PARA O FUTURO DA LINGUA GALEGA.