Roteiros guiados en Monte Penide

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura desenvolven dende hoxe o programa de ROTEIROS GUIADOS EN MONTE PENIDE. O proxecto está desenvolvido por A CITANIA, Xestión do Patrimonio, e conta coa colaboración de distintos centros educativos redondeláns a través da Coordinadora ENDL de Redondela.

O proxecto pretende dar a coñecer, entre a poboación máis nova, o patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e cultural redondelán, a través da sensibilización e a dinamización social. O obxectivo primordial é dar a coñecer o patrimonio do concello para promover o interese pola súa conservación e preservación, e para este fin cóntase coa súa difusión entre o alumnado redondelán a través dos centros de ensino primario e secundario.

Nesta ocasión os roteiros centraranse nos elementos que se atopan no contorno do espazo coñecido como Monte Penide ou Monte Mirallo, onde están localizadas as culturas máis representativas da prehistoria galega: o Neolítico, coa necrópole megalítica de “Chan da Cruz/Chan das Formigas”; o Calcolítico/Idade do Bronce, cos Petróglifos de Monte Penide ou Monte Mirallo; e a Idade do Ferro, co Castro de Negros.

O roteiros comezaron hoxe con dous grupos do IES Illa de San Simón, e continuarán durante todo o mes de maio con alumnado do IES Chapela, CEP Santa Mariña, CEIP Cedeira, CEIP Porto Cabeiro, IES Mendiño, CEIP Laredo e CEIP Santo Paio de Abaixo, e participarán dos mesmos arredor de 540 rapaces e rapazas.