Roberto Vidal Bolaño a través de Roberto Pascual

Para ilustrarnos acerca da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2013, este luns, 20 de maio, ás 20.30 h, na Casa da Cultura de Redondela, o autor e crítico teatral, profesor e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual,  achegaranos a Roberto Vidal Bolaño e ás diferentes profesións teatrais  que tanto contribuíu a dignificar e modernizar.

Para iso vai explicar e profundar sobre as cuestións desenvolvidas no seu libro “Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro“, publicado por Edicións Xerais.

E saberemos que Roberto Vidal Bolaño utilizou todos os recursos posibles e inventou outros para facernos entender o teatro, para modernizalo e dignificalo, coa súa poderosa voz, “con máscaras, coa forza expresiva do corpo, dos ritmos populares, de técnicas audiovisuais…”.

“Esta obra amosa o que hai detrás dos fíos que crean a maxia inesgotable, eternamente transformadora, da arte do teatro”, e Roberto Pascual vainos axudar a descubrilo.

GÚSTAME O GALEGO en Redondela

A campaña de dinamización lingüística GÚSTAME O GALEGO estará este domingo en Redondela.

Esta campaña, promovida pola CTNL (a Coordinadora de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística), é unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela que colabora na programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela cunha actividade de promoción da lingua galega, aproveitando que a celebración das Letras Galegas 2013 coincide con este festival internacional.

O obxectivo desta actividade é facer reflexionar e sensibilizar a cidadanía en xeral sobre a necesidade de espallar o uso da lingua galega, facendo visibles determinados lemas que inciden en conviccións ou desexos para o futuro da lingua propia de Galicia.

Vai destinada especialmente a todas aquelas persoas orgullosas da súa lingua que ademais queiran mostrar aos demais a súa fachenda e facer pensar acerca das actitudes e os usos lingüísticos. A campaña consiste en achegarse ao fotocol que estará na Praza da Constitución e tirar unha foto co lema que máis lle guste a cada quen.

As persoas que queiran participar poderán achegarse de 12.00 a 14.00 h, e de 17.00 a 21.00 h á Praza da Constitución de Redondela.

PARA FACERMOS VISIBLE A NOSA ESCOLLA E O NOSO DESEXO PARA O FUTURO DA LINGUA GALEGA.

Celebramos o 150 aniversario de “Cantares Gallegos”

Comezamos o mes coa primeira das actividades programadas para celebrar as Letras Galegas 2013.

O escritor, profesor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, achegaranos á figura e á obra de Rosalía de Castro cando se cumpren 150 anos da publicación dos seus “Cantares Gallegos”,  saído do prelo o 17 de maio de 1863.

Aquí podémolo escoitar explicando a Alborada de “Cantares Gallegos”.