V Semana do libro, a festa das palabras

Comeza este mes a programación cultural especialmente adicada ás letras e á palabra, pois esta semana arrinca a V SEMANA DO LIBRO: A FESTA DAS PALABRAS.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve como pretexto, por quinto ano consecutivo, para facer unha campaña de animación á lectura que contribúe a divulgar a realidade multilingüe do noso contorno máis próximo. A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan esta celebración que se desenvolverá do 15 de abril ao 10 de maio de 2013.

Nesta edición a exposición multilingüe habitual percorrerá os catro centros de ensinanza secundaria redondeláns, que terán a oportunidade de dispor durante uns días de libros en galego, castelán, portugués, asturiano, aragonés, éuscaro, catalán e aranés, as linguas oficiais da Península Ibérica. Os materiais que conforman a exposición veñen da man de distintos organismos que colaboran coa cesión de libros e revistas, como o Instituto Camões de Vigo, o Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, a Academia de la Llingua Asturiana, a Academia de L’Aragonés, e dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Esta mostra multilingüe achega un valor engadido á propia celebración da semana do libro, pois xunta o obxectivo inicial de procurar unha animación efectiva á lectura co obxectivo transversal e multidisciplinario de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. Deste xeito, o coñecemento doutras realidades lingüísticas fará que aprendamos a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.

Alén da exposición multilingüe itinerante, a programación deste ano inclúe as seguintes actividades:

  • Mércores, 17 de abril, ás 20.30 h, na Casa da Cultura: presentación e posterior coloquio co autor do libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”, Carlos Callón.
    Entrada libre.
  • Luns, 22 de abril, ás 12.00 h, no Auditorio da Xunqueira: presentación do libro-CD “María Fumaça”, coa intervención de Uxía Senlle e Sergio Tannus co espectáculo “Cantaruxa coa bruxa Maruxa”. Para alumnado convidado dos centros de ensino primario.
  • Mércores, 24 de abril, ás 20.30 h, na Casa da Cultura: proxección do documental 100% CEF (sobre Celso Emilio Ferreiro) e coloquio co seu director, Áser Álvarez.
    Entrada libre.
  • Xoves, 25 de abril, ás 20.00 h, na Biblioteca do Piñeiral do Crego (Chapela): recital poético-musical a cargo da compañía Lisístrata, que presenta “Tecín soia a miña tea” (sobre textos de Rosalía de Castro).
    Entrada libre.

Tamén se pode consultar xa a programación cultural do Concello de Redondela de abril a xuño, na que aparecen tamén as actividades programadas dende o SNL para celebrar as Letras Galegas 2013.