Celso Emilio Ferreiro en Redondela

Continúa a programación da “V Semana do libro, a festa das palabras”, logo do espectáculo musical no que a cativada redondelá cantou e bailou coa bruxa Maruxa na presentación do álbum María Fumaça, agora tócalle a quenda ao cinema e á súa relación coa literatura e a palabra.

A   A  Casa da Cultura de Redondela acollerá hoxe mércores, 24 de abril, ás 20.30 h a proxección do documental 100% CEF e o posterior coloquio co seu director, Aser Álvarez.

      100% CEF foi realizado en 2012, xustamente no centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o autor celanovés que se converteu nun dos poetas máis populares e musicados de Galicia e España.

     O documental gravado en Celanova, Acevedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense, está baseado en máis de 50 entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e versións musicais que axudan a construír un retrato contemporáneo do escritor. A complexa e ampla figura de Celso Emilio e a importancia da súa obra reconstrúense a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos e amigos, da participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean ou cantan os seus poemas, e conta, ademais, coa interpretación de Luís Tosar no papel do propio Celso Emilio.

Para fiar toda esta información sérvese da frase feita “facer un pandeiro de Celso Emilio Ferreiro”, que se converte en fío condutor no documental, onde se usa o propio instrumento de percusión do poeta para recuperar o carácter máis rítmico, auténtico, musical e popular do seu discurso poético. A traxectoria vital do autor, as súas circunstancias e a evolución da súa propia obra van aparecendo ordenadas cronoloxicamente, adobiadas cun contido emocional onde a súa poesía nos chega dende diferentes achegas e interpretacións.

Leva participado en varios festivais nacionais e internacionais de documental, e obtivo o premio ao mellor documental nos Premios Mestre Mateo 2013 da Academia Galega do Audiovisual, e tamén o premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense.

A entrada é libre.

V Semana do libro, a festa das palabras

Comeza este mes a programación cultural especialmente adicada ás letras e á palabra, pois esta semana arrinca a V SEMANA DO LIBRO: A FESTA DAS PALABRAS.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve como pretexto, por quinto ano consecutivo, para facer unha campaña de animación á lectura que contribúe a divulgar a realidade multilingüe do noso contorno máis próximo. A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan esta celebración que se desenvolverá do 15 de abril ao 10 de maio de 2013.

Nesta edición a exposición multilingüe habitual percorrerá os catro centros de ensinanza secundaria redondeláns, que terán a oportunidade de dispor durante uns días de libros en galego, castelán, portugués, asturiano, aragonés, éuscaro, catalán e aranés, as linguas oficiais da Península Ibérica. Os materiais que conforman a exposición veñen da man de distintos organismos que colaboran coa cesión de libros e revistas, como o Instituto Camões de Vigo, o Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco), a Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, a Academia de la Llingua Asturiana, a Academia de L’Aragonés, e dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Esta mostra multilingüe achega un valor engadido á propia celebración da semana do libro, pois xunta o obxectivo inicial de procurar unha animación efectiva á lectura co obxectivo transversal e multidisciplinario de divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós. Deste xeito, o coñecemento doutras realidades lingüísticas fará que aprendamos a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.

Alén da exposición multilingüe itinerante, a programación deste ano inclúe as seguintes actividades:

  • Mércores, 17 de abril, ás 20.30 h, na Casa da Cultura: presentación e posterior coloquio co autor do libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”, Carlos Callón.
    Entrada libre.
  • Luns, 22 de abril, ás 12.00 h, no Auditorio da Xunqueira: presentación do libro-CD “María Fumaça”, coa intervención de Uxía Senlle e Sergio Tannus co espectáculo “Cantaruxa coa bruxa Maruxa”. Para alumnado convidado dos centros de ensino primario.
  • Mércores, 24 de abril, ás 20.30 h, na Casa da Cultura: proxección do documental 100% CEF (sobre Celso Emilio Ferreiro) e coloquio co seu director, Áser Álvarez.
    Entrada libre.
  • Xoves, 25 de abril, ás 20.00 h, na Biblioteca do Piñeiral do Crego (Chapela): recital poético-musical a cargo da compañía Lisístrata, que presenta “Tecín soia a miña tea” (sobre textos de Rosalía de Castro).
    Entrada libre.

Tamén se pode consultar xa a programación cultural do Concello de Redondela de abril a xuño, na que aparecen tamén as actividades programadas dende o SNL para celebrar as Letras Galegas 2013.

 

Chegan os CONTOS DO MEDIO a Redondela

Esta semana comezaron a desenvolverse os CONTOS DO MEDIO en Redondela. O alumnado dos centros de ensino primario redondeláns van ter a oportunidade de afondar no coñecemento do noso medio natural e mellorar a súa competencia lingüística a través dunha actividade promovida polo Servizo de Normalización Lingüística, a través da Coordinadora ENDL de Redondela, e en colaboración coa Concellería de Ensino.

CONTOS DO MEDIO  é o nome desta actividade desenvolvida por FAIA educación ambiental, unha empresa que fomenta o coñecemento da nosa realidade ambiental a través de diversas actividades vinculadas ao medio natural, intimamente conectadas coa cultura, a diversidade e a dinamización da lingua galega.

O programa desenvolverá contos do noso medio natural e rural como ferramenta para acadar competencias no medio e na lingua. Aprenderán abondoso léxico como mincha, landra, esquío, ourizo, cabuxa, lura, queimacasas, xabaril, ferreiriño, curuxa, ouriolo, bolboreta, limpafonte, ra, fraga, noz, toro, neve…, e a través del irán descubrindo paseniñamente outras historias.

As sesións vanse desenvolver entre o 9 e o 16 de abril nos seguintes centros de ensino: CEIP Igrexa-Chapela, CEIP Laredo, CEIP Quintela, CEIP Sto. Paio Abaixo, CEP Santa Mariña e CEIP Porto-Cabeiro.

Abranguerán alumnado de infantil e de primeiro ciclo de primaria e participarán nas mesmas un total de 270 rapazas e rapaces.

Amplíase o prazo de inscrición nas probas CELGA 2013

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) vén de ampliar o prazo de inscrición nas probas para o obter os certificados de lingua galega  CELGA 2013 ata o 8 de abril inclusive.

As persoas que vaian presentarse a esas probas teñen, ademais, a posibilidade de formarse a través da rede, descargando os distintos manuais que a SXPL pon a disposición das persoas interesadas.

Pódense descargar dende as seguintes ligazóns:

CELGA 1
CELGA 2
CELGA 3
CELGA 4