PONDO VOZ A ROSALÍA EN REDONDELA

Radio Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística promoven a homenaxe a Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro, e os 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Para iso organizan a lectura pública de textos da autora durante esta semana, de 12.30 a 13.30 na Radio Municipal.

Esta iniciativa segue o ronsel marcado pola AELG e a Asociación de Gaiteiros Galegos para conmemorar esta efeméride por todo o país.

ACHEGA A TÚA VOZ!

Algunhas mostras dos audios gravados:

VERSIÓN ORIXINAL, ciclo de cinema en galego

O Servizo de Normalización Lingüística organiza o ciclo de cinema en galego, VERSIÓN ORIXINAL.

O obxectivo desta actividade é mostrar a utilidade e vizosidade da lingua galega na creación artística, maiormente nas creacións audiovisuais e, asemade, promover actividades de lecer na nosa lingua que faciliten a asistencia de toda a cidadanía e sensibilicen acerca da necesidade de apoiar as producións en lingua galega.

O ciclo vaise desenvolver do 17 de febreiro ao 9 de marzo, e incluirá proxeccións semanais, ás 20.00 h, no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela) o domingo, e no Auditorio da Xunqueira os tres sábados seguintes. O prezo das entradas é de 3 € e poderanse adquirir nos multiusos dende 2 días antes a cada proxección.

Nesta primeira edición exhibiranse as tres producións galegas de máis repercusión en 2011: Vilamor, dirixida por Ignacio Vilar; Engurras, dirixida por Ignacio Ferreras sobre o cómic de Paco Roca; e O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo, que é ademais finalista a un premio Goya na categoría de mellor película de animación.

O Auditorio do Piñeiral do Crego acollerá, o domingo 17 de febreiro, a proxección de “O Apóstolo”, e este mesmo filme será proxectado o sábado 23 no Auditorio da Xunqueira.

Nos seguintes sábados será a quenda de “Vilamor”, o día 2 de marzo; e de “Engurras”, o día 9 de marzo, as dúas no Auditorio da Xunqueira.