Concurso de decoración de Nadal, O NOSO VENDE

A campaña de galeguización e dinamización do comercio local O NOSO VENDE, iniciada en decembro de 2011, continúa este ano cunha nova actuación.

O NOSO VENDE é un proxecto de dinamización comercial e lingüística que pretende incidir na sensibilización sobre o uso da lingua galega no comercio local, para ampliar os espazos de uso e para estimular a actividade do comercio redondelán. Está promovido polo Servizo de Normalización Lingüística e Radio Redondela, dependentes da Concellería de Cultura, a Concellería de Desenvolvemento Local e a Asociación de Empresarios de Redondela.

Neste Nadal o programa continúa a súa andaina coa convocatoria do II Concurso de escaparates de Nadal no comercio redondelán, que incidirá na promoción dos produtos que ofrecen a través do uso da lingua galega e na elaboración de escaparates atractivos coa decoración de Nadal.  Os comercios participantes deberán incluír algún lema específico para motivar a súa clientela a que merque os seus produtos, e implica que poñerán a súa publicidade, os rótulos e os prezos, así como os carteis de descontos, ofertas especiais ou bos desexos para as festas, tanto dentro coma fóra do local, en lingua galega.

Para levar adiante esta promoción contarán coa colaboración do SNL que corrixirá, traducirá ou asesorará as súas propostas.

O concurso desenvolverase, nesta edición, a través da red social Facebook, na que se habilitará un perfil para subir as fotos dos establecementos participantes e na que se fará unha votación pública aberta a toda a cidadanía.

O prazo para realizar a inscrición remata o día 20 de decembro de 2012, e as persoas participantes na votación entrarán no sorteo dun vale de compra no comercio redondelán por valor de 100 €.

BASES DO CONCURSO

Recitando Celso Emilio

RecitandoCelsoEmilio é o nome da iniciativa promovida dende a CGENDL (Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística) para celebrar dun xeito especial o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.

A proposta consiste en facer unha lectura pública o día 12/12/2012 ás 12.00 h,  do poema DEITADO FRENTE AO MAR, dende todos os centros de ensino de Galicia, para “renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia”.

Dende o SNL e a Radio Municipal de Redondela queremos contribuír a esta homenaxe, e para iso convocamos a todas as persoas que queiran a achegarse a Radio Redondela os días 10 e 11 de decembro, entre as 13.00 e as 14.00 h, para gravar coas súas propias voces textos do escritor celanovés (tanto prosa como verso).

Deste xeito as redondelás e os redondeláns imos lembrar e espallar a súa palabra a través da nosa propia voz e das ondas da nosa radio.

Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana

Deitado frente ao mar