O galego, chave para os teus negocios no mundo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto á FEGAPE, Federación Galega de Parques Empresariais, lanzan a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, que  promove a utilización do galego como lingua dos negocios, tanto dentro coma fóra de Galicia.

A nosa lingua, o galego, é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén serve para nos conectar cunha comunidade de case 200 millóns de persoas que falan portugués, a nosa lingua irmá, o que nos permite comunicarnos e comprendernos sen necesidade de mediación. Pero este valor cultural transfórmase agora tamén en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación.

Por este motivo a campaña incide nas facilidades que a comunicación en galego nos dá para traballar e intercomunicarnos con países emerxentes, que poden ser motores de desenvolvemente industrial e económico tamén para o noso.

Pódese ver aquí toda a información desta campaña, e premendo na imaxe superior o díptico de promoción.