Linguaxe xurídica e administrativa, autoaprendizaxe

Xa é posible formarse en liña sobre linguaxe xurídica e administrativa galega. A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgou  materiais autoformativos en linguaxes administrativa e xurídica galegas, accesibles para toda a cidadanía,  co obxectivo de mellorar a calidade da oralidade e dos textos escritos na Administración.

Esta formación específica vai dirixida inicialmente ao persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia, mais tamén a todas as persoas interesadas en ampliar os coñecementos nestas materias e mellorar a súa competencia lingüística.

Estes novos recursos en liña ofrecen dous cursos de autoaprendizaxe de nivel medio das seguintes linguaxes específicas (pódese acceder premendo no título):

CURSO MEDIO DE LINGUAXE XURÍDICA

CURSO MEDIO DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

Inclúen contidos teóricos, exercicios de autorresolución e recursos varios (vocabulario, glosarios de termos, lexislación, videoteca, hemeroteca…) que complementan a formación.

Pódese consultar toda a información na web da SXPL.

O galego, chave para os teus negocios no mundo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto á FEGAPE, Federación Galega de Parques Empresariais, lanzan a campaña “O galego, chave para os teus negocios no mundo”, que  promove a utilización do galego como lingua dos negocios, tanto dentro coma fóra de Galicia.

A nosa lingua, o galego, é un valor cultural que nos identifica como pobo, mais tamén serve para nos conectar cunha comunidade de case 200 millóns de persoas que falan portugués, a nosa lingua irmá, o que nos permite comunicarnos e comprendernos sen necesidade de mediación. Pero este valor cultural transfórmase agora tamén en valor económico cando falamos de negocios e de elementos tan importantes para estes como a comunicación.

Por este motivo a campaña incide nas facilidades que a comunicación en galego nos dá para traballar e intercomunicarnos con países emerxentes, que poden ser motores de desenvolvemente industrial e económico tamén para o noso.

Pódese ver aquí toda a información desta campaña, e premendo na imaxe superior o díptico de promoción.