26 de setembro, Día Europeo das Linguas

Hoxe é o Día Europeo das Linguas – European Day of Languages (EDL)-, que se vén celebrando dende o ano 2001 por iniciativa do Consello de Europa en Estrasburgo.

Os 47 estados membros do Consello de Europa  animan, deste xeito, a máis de 800 millóns de europeos a aprender máis linguas a calquera idade, dentro e fóra da escola. O obxectivo desta celebración é promover o plurilingüismo, pois a diversidade lingüística é unha ferramenta necesaria para acadar unha maior  comprensión intercultural e un elemento clave na rica herdanza cultural do noso continente.

Pódese participar nesta celebración a través de diferentes actividades que propón o Consello de Europa,  e máis información a través da páxina da SXPL: DÍA EUROPEO DAS LINGUAS.

AS LINGUAS ABREN PORTAS!

Axenda Escolar Redondelá

Co comezo do novo curso escolar, o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Ensino do Concello de Redondela veñen de editar unha axenda escolar. O obxectivo deste traballo é proporcionar ao alumnado redondelán, de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, unha ferramenta de traballo que sirva para organizar as súas tarefas escolares, pero na que tamén atoparán coplas, ditos, refráns, adiviñas, referencias culturais e etnográficas de Redondela e información sobre a toponimia e o patrimonio local.

Os contidos da axenda pretenden dar a coñecer ao alumnado redondelán algúns aspectos da cultura e o patrimonio de Redondela, e promoven tamén o uso da nosa lingua na onomástica a través dos nomes e celebracións en lingua galega.

A edición foi posible grazas á colaboración dos centros de ensino, a través da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Redondela, que achegaron tamén textos e diverso material gráfico.

Pódense ver os contidos premendo na imaxe superior.