LARETA, Festival de Monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística presenta a programación de LARETA, o Festival de Monólogos de Redondela.

Este evento cultural nace co obxectivo de potenciar o uso oral da lingua galega e de promover o traballo daquelas persoas que apostan pola nosa lingua como ferramenta de traballo e como instrumento de creación artística.

O nome do festival de monólogos, LARETA, quere incidir precisamente niso: en laretar, falar sen control e sen medida, dicir o que se queira utilizando a nosa lingua como vehículo de comunicación. Alén diso, quere ser tamén unha proposta creativa e artística que teña continuidade no tempo e que se converta nun referente dentro da oferta cultural redondelá.

Nesta primeira edición, que se celebrará os sábados 1, 8, 15 e 29 de setembro, e o 6 de outubro, o cartel conta coa participación de Avelino González, Isabel Risco, Rober Bodegas e Carlos Blanco para o público adulto. E inclúe tamén un espectáculo infantil da man de Carmen Conde Gaute, coa compañía Os Tres Contantes e Sonantes, con música en directo, ao que poderá asistir toda a familia.

As sesións celebraranse no Auditorio da Xunqueira de Redondela, agás a do día 8 de setembro que se desenvolverá no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela), e as entradas, cun prezo de 4 € para as sesións de adultos, e 2 € para a sesión infantil, poderanse mercar dende 48 horas antes a cada función no mesmo auditorio da representación.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a veciñanza redondelá a asistir a esta nova proposta cultural que reivindica o uso oral da nosa lingua.