Manual de estilo do DOG

A Xunta de Galicia vén de publicar o Manual de estilo para o Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que responde a unha encomenda normativa derivada da propia existencia do DOG e á necesidade de unificar unhas pautas de estilo claras e ao alcance de todas as persoas usuarias.

Deste xeito preténdese unificar criterios para elaborar documentos oficiais, que atinxen ás formas lingüísticas e aos aspectos formais de edición e redacción, co obxectivo de producir documentos de calidade e entendibles por toda a cidadanía. Dende agora estas serán as normas de referencia para as publicacións institucionais en formato papel ou electrónico, os contidos das páxinas web dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, os gabinetes de comunicación do goberno galego e os manuais formativos.

O manual está editado nun formato wikimedia, que permite que os seus contidos se poidan modificar e actualizar permanentemente. Deste xeito, aínda que  non se ofrecen unha ortografía nin unha gramática completas (xa fixadas en obras específicas), ofrece normas concretas para aplicar ao DOG e a outras publicacións institucionais, con casos específicos e exemplos prácticos sobre a norma e as excepcións. Así pódense consultar dende algunhas construcións gramaticais dubidosas ou erróneas, as interferencias lingüísticas entre o galego e mais o castelán, a correcta utilización da toponimia, ou as abreviacións máis frecuentes.

Un bo recurso para refrescar a memoria e actualizármonos.