LARETA, Festival de Monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística presenta a programación de LARETA, o Festival de Monólogos de Redondela.

Este evento cultural nace co obxectivo de potenciar o uso oral da lingua galega e de promover o traballo daquelas persoas que apostan pola nosa lingua como ferramenta de traballo e como instrumento de creación artística.

O nome do festival de monólogos, LARETA, quere incidir precisamente niso: en laretar, falar sen control e sen medida, dicir o que se queira utilizando a nosa lingua como vehículo de comunicación. Alén diso, quere ser tamén unha proposta creativa e artística que teña continuidade no tempo e que se converta nun referente dentro da oferta cultural redondelá.

Nesta primeira edición, que se celebrará os sábados 1, 8, 15 e 29 de setembro, e o 6 de outubro, o cartel conta coa participación de Avelino González, Isabel Risco, Rober Bodegas e Carlos Blanco para o público adulto. E inclúe tamén un espectáculo infantil da man de Carmen Conde Gaute, coa compañía Os Tres Contantes e Sonantes, con música en directo, ao que poderá asistir toda a familia.

As sesións celebraranse no Auditorio da Xunqueira de Redondela, agás a do día 8 de setembro que se desenvolverá no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela), e as entradas, cun prezo de 4 € para as sesións de adultos, e 2 € para a sesión infantil, poderanse mercar dende 48 horas antes a cada función no mesmo auditorio da representación.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a veciñanza redondelá a asistir a esta nova proposta cultural que reivindica o uso oral da nosa lingua.

Cursos CELGA e linguaxe administrativa nas EOI

O Diario Oficial de Galicia de hoxe (DOG Núm. 159, do 22 de agosto de 2012), publica a orde pola que se convocan cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega CELGA, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

O prazo para presentar as solicitudes remata o día 10 de setembro de 2012, e as solicitudes deberán presentarse na propia EOI onde se queira facer o curso.

Pódese consultar aquí a CONVOCATORIA.

Nas EOI máis próximas a Redondela (Vigo e Pontevedra), ofrecen os seguintes cursos:

CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA

EOI

Nivel

Datas

Horarios

Días

Vigo Medio Setembro – Decembro 2012 10.30-13.00 Martes e xoves
Vigo Medio Outubro 2012 – Xaneiro 2013 17.30-20.00 Mércores e venres
Vigo Superior Outubro 2012 – Xaneiro 2013 9.00-11.30 Mércores e venres
Vigo Superior Setembro – Decembro 2012 17.30-20.00 Martes e xoves
Pontevedra Medio Outubro 2012 – Xaneiro 2013 9.00-12.00 Martes e venres
Pontevedra Medio Outubro 2012 – Xaneiro 2013 16.30-18.30 Luns, mércores e xoves
Pontevedra Superior Outubro 2012 – Xaneiro 2013 9.00-12.00 Martes e venres
Pontevedra Superior Outubro 2012 – Xaneiro 2013 16.30-18.30 Luns, mércores e xoves

CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CELGA

EOI

Nivel

Datas

Horarios

Días

Vigo CELGA 2 Outubro – Decembro 2012 11.30-14.00 Luns e mércores
Vigo CELGA 3 Setembro – Decembro 2012 10.30-13.00 Martes e xoves
Vigo CELGA 3 Outubro 2012 – Xaneiro 2013 17.30-20.00 Mércores e venres
Vigo CELGA 4 Outubro 2012 – Xaneiro 2013 17.30-20.00 Luns e xoves
Pontevedra CELGA 2 Outubro – Decembro 2012 18.30-20.3020.00-21.3018.30-21.00 MartesMércoresXoves

Avelino Pousa Antelo, in memoriam

No día de onte faleceu Avelino Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo, 2012), mestre, intelectual, agrarista, político, escritor e galeguista, que traballou arreo pola mellora e dignificación de Galicia. Un exemplo de vida, de traballo e entusiasmo para as xeracións futuras que non se debería esquecer.

Dende aquí queremos sumarnos ás múltiples mostras de afecto e manifestar o noso pesar polo seu pasamento.

A seguir incluímos un vídeo no que Don Avelino fala do “ser galego” e algunhas ligazóns de interese que se están a publicar nos distintos medios.

Achegas:

Cultura Galega.org

ProLingua: “Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais

Praza Pública: “Avelino Pousa Antelo, o mestre de Galicia

De Luns a Venres

Sermos Galiza: “Avelino Pousa Antelo, memoria e futuro

Manuel Bragado en Faro de Vigo: “Mestre Don Avelino

AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega): Comunicado

 

Voltará da aurora / a luz temerosa, / e,na Patria nosa / voltará a brilar / a branca bandeira / co azul do ceo / ó compás do vento, / ¡ doce libertá ! / E nos nosos peitos, / e nas nosas vidas, / espranzas fuxidas / que retornarán, / encherán a Terra, / encherán os ventos / con novos alentos / na terra e no mar”.

Avelino Pousa Antelo

Menús en galego con tecnoloxía dixital

O Servizo de Normalización Lingüística da CEG (Confederación de Empresarios de Galicia), vén de divulgar unha aplicación terminolóxica  dixital que pretende facilitar a hostaleiros e restauradores a exhibición dos seus menús en lingua galega.

Esta terminoloxía dixital para a hostalaría inclúe máis de 300 receitas de pratos en castelán coa súa equivalencia en galego. Deste xeito convértese nunha ferramenta útil e áxil para aqueles establecementos que opten por expoñer os seus menús ou cartas na nosa lingua, contribuíndo así dun xeito determinante á normalización da lingua galega.

A aplicación é de acceso libre e gratuíto, e está dispoñible na seguinte ligazón.

Para os establecementos hostaleiros redondeláns segue aberta a campaña A lingua máis saborosa, promovida dende este SNL, de preferiren unha atención máis especializada.