Sermos Galiza, xa nos quioscos

Hoxe hai unha boa nova nos quioscos para a nosa lingua: SERMOS GALIZA.

Dende hoxe, os venres de cada semana Sermos Galiza chegará aos quioscos “co obxectivo de informar, fornecer claves para a interpretación, entreter e ofrecer novas propostas de lectura e ocio”.

O que presentabamos hai unhas semanas toma agora corpo en papel impreso para achegarse a toda a xente que demanda información na nosa lingua.

Neste primeiro número inclúe un amplo informe sobre a política municipal, abórdanse temas como a nova lei que regula as condicións das empregadas do fogar, a reforma no currículo de Educación para a Cidadanía e o último episodio da batalla da viciñanza de Quilmas contra a multinacional Stolt Sea Farm por lles contaminar as terras. Ademais achéganse ás últimas novidades sobre NGB até o impacto da crise nos fogares de Galiza.

Na sección de cultura ofrece información sobrea crise das artes escénicas e inclúe entrevistas co escritor Agustín Fernández Paz e Ignacio Vilar, o director de Vilamor, entre outras.

Alén diso, aposta por propostas novidosas como a sección de información infantil, a de deseño, viaxes ou agroconsumo.

Vaia, que hai moitos ingredientes para nos interesar nesta publicación.

Parabéns e longa vida!

KUBUS, a primeira revista de fútbol en galego

Malia a crise e todos os problemas de financiamento destes tempos, a Rede segue a sorprendernos e está máis vizosa ca nunca,  mesmo en actividades de promoción da nosa lingua, para a que parece que noutros ámbitos non hai espazos.

Logo das últimas novidades de prensa galega na internet, agora chéganos a primeira revista en lingua galega sobre fútbol: KUBUS.

KUBUS é o nome dunha nova web en lingua galega dedicada ao fútbol que tamén edita unha revista complementaria en papel, dirixida por Rubén González e Javi Paz, xunto a unha manchea de colaboradores e seareiros deste deporte.

Tal como manifestan na presentación do proxecto, queren levar adiante “o soño de tentar encher o baleiro que presenta o periodismo relacionado co deporte rei en lingua galega. A intención final de que mensualmente preto de cen páxinas con contido futbolístico en lingua galega pasen a imprenta. … A persecución de crear o que nos agradaría poder atopar no mercado, pero que ata data ninguén se arriscou a levar adiante. Contar as historias que nos encantaría ter escoitado de cativos“.

Este proxecto permite, ademais, a recadación de apoios (via Verkami), onde ten aberta unha iniciativa concreta para obter fondos a través do apoio de moitos seareiros en liña.

Faite seareiro!