EU FALAREI, dende Chapela para o mundo

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela acaba de divulgar na rede o seu lipdub para promover a nosa lingua.

O resultado non pode ser mellor, a xulgar pola calidade da edición e o guión. Pero o que máis importa neste caso é a participación de 400 persoas, entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, que quixeron dar alento á lingua galega, necesitada de nós, hoxe máis ca nunca. Toda a comunidade chapelá tivo un lugar neste proxecto que pretende ser, segundo eles mesmos manifestan, “un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova“.

O famoso tema de Gloria Gaynor, I will survive, serve de banda sonora para este vídeo con dobraxe ao galego, no que resoa un retrouso pegadizo e optimista: “Eu falarei, sempre en galego, que viva a nosa lingua outras mil primaveras máis“.

Parabéns por esta inxección de optimismo para a nosa lingua!

Avante coa lingua galega, dende Chapela para o mundo.