Son de poetas, máis música en galego

Onte foi o Día Europeo da Música, e nós contribuímos cun granciño de area no Facebook.

Así que hoxe, sen facer caso do refrán “pasou o día, pasou a romaría“, aproveitamos esta escusa para falarmos de SONDEPOETAS, un magnífico recurso na rede elaborado dende o equipo de dinamización lingüística do IES David Buján de Cambre, que é unha antoloxía da poesía galega musicalizada.

Nesta web pódense facer buscas por autor, por título dos poemas ou, simplemente por época. En moitos casos un mesmo poema presenta máis dunha interpretación musical, o que enriquece aínda máis esta ferramenta.

Tamén dá a posibilidade de subscribirse para recibir as novidades cada vez que se inclúa un novo poema nesa páxina.

Unha moi boa ferramenta para coñecer a poesía en lingua galega e a actividade creativa dos nosos “modernos trobadores”.