Sermos Galiza, xa nos quioscos

Hoxe hai unha boa nova nos quioscos para a nosa lingua: SERMOS GALIZA.

Dende hoxe, os venres de cada semana Sermos Galiza chegará aos quioscos “co obxectivo de informar, fornecer claves para a interpretación, entreter e ofrecer novas propostas de lectura e ocio”.

O que presentabamos hai unhas semanas toma agora corpo en papel impreso para achegarse a toda a xente que demanda información na nosa lingua.

Neste primeiro número inclúe un amplo informe sobre a política municipal, abórdanse temas como a nova lei que regula as condicións das empregadas do fogar, a reforma no currículo de Educación para a Cidadanía e o último episodio da batalla da viciñanza de Quilmas contra a multinacional Stolt Sea Farm por lles contaminar as terras. Ademais achéganse ás últimas novidades sobre NGB até o impacto da crise nos fogares de Galiza.

Na sección de cultura ofrece información sobrea crise das artes escénicas e inclúe entrevistas co escritor Agustín Fernández Paz e Ignacio Vilar, o director de Vilamor, entre outras.

Alén diso, aposta por propostas novidosas como a sección de información infantil, a de deseño, viaxes ou agroconsumo.

Vaia, que hai moitos ingredientes para nos interesar nesta publicación.

Parabéns e longa vida!