EU FALAREI, dende Chapela para o mundo

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela acaba de divulgar na rede o seu lipdub para promover a nosa lingua.

O resultado non pode ser mellor, a xulgar pola calidade da edición e o guión. Pero o que máis importa neste caso é a participación de 400 persoas, entre as que están 120 actrices e actores e 29 cantantes. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais, veciñas e veciños de Chapela, que quixeron dar alento á lingua galega, necesitada de nós, hoxe máis ca nunca. Toda a comunidade chapelá tivo un lugar neste proxecto que pretende ser, segundo eles mesmos manifestan, “un canto de amor en defensa da Lingua Galega, mais tamén é unha denuncia da situación que vive un idioma que esmorece lentamente vendo recortada a súa presenza nos medios de comunicación ou na propia escola, e que día a día perde falantes entre a xente nova“.

O famoso tema de Gloria Gaynor, I will survive, serve de banda sonora para este vídeo con dobraxe ao galego, no que resoa un retrouso pegadizo e optimista: “Eu falarei, sempre en galego, que viva a nosa lingua outras mil primaveras máis“.

Parabéns por esta inxección de optimismo para a nosa lingua!

Avante coa lingua galega, dende Chapela para o mundo.

 

Son de poetas, máis música en galego

Onte foi o Día Europeo da Música, e nós contribuímos cun granciño de area no Facebook.

Así que hoxe, sen facer caso do refrán “pasou o día, pasou a romaría“, aproveitamos esta escusa para falarmos de SONDEPOETAS, un magnífico recurso na rede elaborado dende o equipo de dinamización lingüística do IES David Buján de Cambre, que é unha antoloxía da poesía galega musicalizada.

Nesta web pódense facer buscas por autor, por título dos poemas ou, simplemente por época. En moitos casos un mesmo poema presenta máis dunha interpretación musical, o que enriquece aínda máis esta ferramenta.

Tamén dá a posibilidade de subscribirse para recibir as novidades cada vez que se inclúa un novo poema nesa páxina.

Unha moi boa ferramenta para coñecer a poesía en lingua galega e a actividade creativa dos nosos “modernos trobadores”.

A revista EROSKI CONSUMER xa está en galego

A cadea de supermercados VEGALSA-EROSKI, acaba de editar a súa revista mensual en lingua galega.

A aposta pola nosa lingua, e polo resto das linguas oficiais do estado español vén xa de hai tempo, e na súa páxina web ofrécenos todos os seus contidos en lingua galega.

Unha boa forma de achegarnos á nosa lingua a través dos temas de saúde e alimentación que interesan ás persoas consumidoras, e un bo xeito de facer país.

Parabéns!

 

Dicionario Moderno Inglés – Galego

Hoxe presentamos unha interesante novidade editorial destes días: o DICIONARIO MODERNO INGLÉS-GALEGO.

Editado por 2.0 Editora é da autoría do profesor Alberto Álvarez Lugrís, profesor de tradución do inglés para o galego na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Este dicionario é o resultado dun proxecto de investigación do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, que tivo unha primeira edición dixital en 2005,  e está concibido como unha ferramenta totalmente práctica que abrangue o vocabulario de uso frecuente na lingua inglesa e as súas correspondencias en galego.
O DMIG está feito a partir do Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI, de acceso libre en http://sli.uvigo.es/CLUVI), composto por máis de 20 millóns de palabras,  que recolle ademais textos orixinais e as súas correspondentes traducións, e as equivalencias entre as palabras dos textos ingleses e as dos textos galegos, seleccionadas en función da súa frecuencia de uso. Compleméntase con exemplos das distintas acepcións con citas tiradas do corpus CLUVI. Deste xeito recolle os usos reais da lingua, empregados nas traducións profesionais de textos de distintos xéneros.

 

Trátase do primeiro gran dicionario bilingüe inglés-galego, a través do cal nos poderemos achegar ao inglés dende a nosa lingua, sen intermediarias.