Letras Galegas 2012

Co gallo da celebración, o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística comeza coa divulgación da figura e da obra do homenaxeado nas Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade.

Dunha parte, durante esta semana as asociacións culturais e veciñais do Concello de Redondela recibirán dous libros, editados pola editorial Galaxia, sobre a figura deste multifacético persoeiro. Trátase da Biografía de Valentín Paz-Andrade e da Antoloxía de Valentín Paz-Andrade, da autoría de Xan Carballa.

Doutra, para achegar á cidadanía en xeral o coñecemento sobre esta figura das nosas letras, o vindeiro venres, 11 de maio, ás 19.30 h, desenvolverase unha conferencia no Auditorio Xosé Figueroa, onde o xornalista e investigador Xan Carballa disertará sobre o homenaxeado deste ano e sobre a súa obra.

Na vindeira semana, dentro da programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela, inclúese unha programación especial para o día 17 de maio, onde todas as compañías participantes son galegas e farán os seus espectáculos na nosa lingua.

Ese mesmo día, os soportais da Casa do Concello acollerán unha mostra de libros galegos na que participarán as librerías redondelás e a Asociación Lenda, e onde se repartirán marcapáxinas conmemorativos sobre Paz-Andrade editados polo SNL  para celebrar este día e divulgar a obra deste persoeiro. 

E ás 17.30 horas conmemorarase oficialmente o día das Letras Galegas 2012 cun acto institucional nos Xardíns da Alameda.