Día da Nai, con todo o meu agarimo

A Asociación de Empresarios de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal e Radio Redondela, promoven a celebración do DÍA DA NAI no comercio redondelán e o uso da nosa lingua.

Esta actuación forma parte da campaña de promoción da lingua galega e do comercio local O NOSO VENDE!, iniciada no mes de decembro de 2011 co concurso de galeguización de escaparates, e que se desenvolverá con diferentes propostas ao longo de 2012.

O obxectivo desta campaña de promoción da lingua galega na actividade comercial local é sensibilizar o sector e as persoas usuarias do mesmo sobre a necesidade de traballar en galego como un sinal de distinción e promoción do comercio local, que serve tamén para reivindicar a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade.

Para conmemorar a celebración do DÍA DA NAI, Radio Redondela está emitindo cuñas publicitarias coa mensaxe divulgativa:

ESTE DOMINGO, 6 DE MAIO ,

AGASALLA A QUEN MÁIS QUERES

MERCA NO COMERCIO LOCAL,

PORQUE O NOSO VENDE!

NA TÚA LINGUA, NO TEU COMERCIO.

Ademais, esta actuación compleméntase coa edición de tarxetas de parabéns con esa mesma mensaxe e adhesivos de agasallo co lema “Con todo o meu agarimo”, que se poderán recoller nun posto instalado o sábado, 5 de maio, nos soportais da Casa do Concello, en horario comercial: de 10.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00 horas. Neste posto, habilitado pola Asociación de Empresarios de Redondela, ás persoas que o desexen faranlle un empaquetado especial dos seus agasallos e terán á súa disposición unhas tarxetas especiais que poderán personalizar para felicitar as nais.