A lingua a reflexión

Cómpren reflexións acerca da nosa lingua?

A lingua a reflexión é o título dun interesante documental realizado por Xosé Bocixa, que mostra as reflexións de dez persoeiros sobre a situación da lingua galega no século XXI.

Lois Dieguez, Xurxo Souto, F. Xosé Fernández Naval, Antía Otero, X. R. Freixeiro Mato, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Pilar Pallarés, Ánxeles Penas e Marcelino Fernández Mallo son as voces que reflexionan sobre o noso idioma na situación actual e achegan ideas e posibles solucións para que a lingua galega permaneza viva e vizosa.

Este proxecto quere animar a cidadanía galega a que faga tamén ese proceso de reflexión e actúe para mellorar o futuro da nosa lingua.

Coñecendo a Paz-Andrade

Alén das entradas anteriores, onde divulgamos contidos acerca do homenaxeado das Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade, na véspera do 17 de maio cómpre aínda algunha achega máis que nos permita pescudar información accesible na rede.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou un espazo na súa web con material divulgativo e outras actividades dinamizadoras arredor das Letras Galegas 2012.

Para ir facendo boca, déixovos aquí unha mostra dun dos poemas audiovisuais de Paz-Andrade, nos que se constrúen pezas audiovisuais sobre algúns dos seus poemas máis significativos, incluída na selección de MATERIAL DIVULGATIVO.

E tamén un bo exemplo das iniciativas dinamizadoras, elaborada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), titulada Valentín Paz-Andrade. Empresa en galego.

 Premendo na imaxe pódese acceder aos contidos.

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2012!

Máis recursos sobre Paz-Andrade

A CRTVG, a través das súas canles temáticas, contribúe tamén a espallar a figura de Valentín Paz-Andrade, e a afondar no coñecemento da súa vida e do seu tempo.

Aquí deixamos un vídeo dun programa especial adicado a Paz-Andrade, emitido pola TVG no ano 2002, recoñecendo o merecemento da Medalla Castelao que recibiu en 1984. Inclúese no espazo  “Galegos de Honra”, e presenta imaxes de arquivo do propio Paz-Andrade xunto con gravacións, nas que evoca as influencias recibidas na súa mocidade do intelectual galeguista Alfonso Rodríguez Castelao, e tamén do seu tío, o poeta Juan Bautista Andrade.

Ademais, a través desta ligazón, teremos acceso a unha biografía e a varios videos que nos achegan á personalidade dese multifacético persoeiro da nosa cultura.

 

Letras Galegas 2012

Co gallo da celebración, o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas, o Servizo de Normalización Lingüística comeza coa divulgación da figura e da obra do homenaxeado nas Letras Galegas 2012: Valentín Paz-Andrade.

Dunha parte, durante esta semana as asociacións culturais e veciñais do Concello de Redondela recibirán dous libros, editados pola editorial Galaxia, sobre a figura deste multifacético persoeiro. Trátase da Biografía de Valentín Paz-Andrade e da Antoloxía de Valentín Paz-Andrade, da autoría de Xan Carballa.

Doutra, para achegar á cidadanía en xeral o coñecemento sobre esta figura das nosas letras, o vindeiro venres, 11 de maio, ás 19.30 h, desenvolverase unha conferencia no Auditorio Xosé Figueroa, onde o xornalista e investigador Xan Carballa disertará sobre o homenaxeado deste ano e sobre a súa obra.

Na vindeira semana, dentro da programación do Festival Internacional de Títeres de Redondela, inclúese unha programación especial para o día 17 de maio, onde todas as compañías participantes son galegas e farán os seus espectáculos na nosa lingua.

Ese mesmo día, os soportais da Casa do Concello acollerán unha mostra de libros galegos na que participarán as librerías redondelás e a Asociación Lenda, e onde se repartirán marcapáxinas conmemorativos sobre Paz-Andrade editados polo SNL  para celebrar este día e divulgar a obra deste persoeiro. 

E ás 17.30 horas conmemorarase oficialmente o día das Letras Galegas 2012 cun acto institucional nos Xardíns da Alameda.