IV Semana do libro, a festa das palabras

A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro, a festa das palabras, que se desenvolverá do 17 ao 29 de abril de 2012.

A conmemoración do día do libro, o vindeiro 23 de abril, serve de pretexto para facer novamente unha campaña de animación á lectura que  divulga, ao mesmo tempo,a realidade multilingüe do noso contorno máis próximo.

Esta exposición multilingüe é posible grazas á colaboración de diferentes institucións que achegaron libros en portugués (Instituto Camões de Vigo); éuscaro (Liburutegi Zerbitzua – Servizo de Bibliotecas; Euskara Sustatzeko Zuzendaritza – Dirección de Promoción do Éuscaro (Goberno Vasco); catalán e aranés (Secretaría de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya); asturiano (Academia de la Llingua Asturiana); aragonés (Academia de L’Aragonés), e galego e castelán, dos propios fondos das bibliotecas redondelás.

Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro e procurar unha animación efectiva á lectura, coa exposición de libros en diferentes linguas e en lugares pouco habituais. Dende o coñecemento doutras realidades lingüísticas poderemos aprender a valorar a riqueza cultural e lingüística doutros pobos e a considerar mellor a nosa propia.

A programación deste ano inclúe a exposición multilingüe de libros no Multiusos do Piñeiral do Crego, en Chapela, do 17 ao 20 de abril; e no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, do 23 ao 29 de abril. Pero ademais conta con tres presentacións de libros que se desenvolverán os días 19, 25 e 27 de abril.

A primeira delas será no Auditorio da Xunqueira o xoves, 19 de abril, ás 12.00 h, á que está convidado alumnado de primaria redondelá, e á que poderán asistir as persoas que o desexen. Contará coa participación dos autores do libro A NOITE DO APALPADOR, editado polo Concello de Redondela,  a partir dun texto poético do escritor chapelán Xurxo Valcárcel Gil e as ilustracións de Pepe Carreiro.


Ano Casto Sampedro

O Concello de Redondela celebra este ano o 75 aniversario do pasamento de Casto Sampedro Folgar.

O ANO SAMPEDRO vaise converter na oportunidade de coñecer a obra deste erudito que naceu en Redondela en 1848.

Malia a súa timidez e o seu afán por non ser coñecido, foi un grande estudoso do noso patrimonio, pois estudou a toponimia, os oficios, os gremios, a música e as danzas populares, e ademais constituíu en 1894 a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, lugar onde recolleu e recuperou valiosos fondos arqueolóxicos, epigráficos e heráldicos,  que co tempo cristalizaría no Museo Provincial de Pontevedra, do que tamén foi director.

A el se lle debe tamén a recollida da música tradicional que reuníu no “Cancionero Musical de Galicia” onde recompila as transcricións da nosa tradición musical, incluídas as cantigas populares, e que serviu de guía para os mellores músicos galegos da época como Xoán Montes ou Pascual Veiga, e segue a ser referente de músicos e intérpretes da nosa música tradicional.

Ademais converteuse en todo un referente cultural da xeración intelectual do Rexurdimento, que mesmo o sinalou como o sucesor de Manuel Murguía.

A celebración deste ANO SAMPEDRO serviranos de escusa para achegármonos ao seu legado cultural e transmitírllelo ás xeracións máis novas.