Adeus a Xaime Illa Couto

Hoxe recibirá o último adeus Xaime Illa Couto,  finado onte en Vigo á idade de 97 anos.

O intelectual e economista santiagués foi un dos artífices do renacemento cultural e político de Galicia de mediados do século XX . Dende a participación máis temperá nos grupos Ultreya, movemento xuvenil galeguista guiado por Álvaro de las Casas, e as Mocidades Galeguistas, onde traballou con Fernández del Riego e outros compañeiros de galeguismo. Despois como participante do proxecto do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista.

Foi un incansable animador cultural e político do galeguismo, e xunto a Francisco Fernández del Riego fundou a Editorial Galaxia en 1950.  Aínda que  sufriu o exilio interior nos anos da posguerra, como moitos da súa xeración,  foi quen de reiniciar a súa actividade intelectual a partir da Editorial Galaxia e do suplemento literario do xornal La Noche de Santiago de Compostela.

Desde Galaxia participou na creación de numerosas iniciativas culturais como a Fundación Penzol (1963), a Fundación Otero Pedrayo (1979) ou a Fundación Illa Couto (1987). Tamén formou parte doutros proxectos editoriais como a editorial católica e galeguista Sept (1966)  ou a dirección entre 1958 e 1968 da Revista de Economía de Galicia.

En 1999 ingresou na Real Academia Galega co discurso “Economía, linguaxe e poder“. Nese mesmo ano foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Descanse en paz.

Máis información:

Culturagalega

Editorial Galaxia