Actividades da IV Semana do libro

Dentro da programación da IV Semana do libro, a festa das palabras, organizada pola Axencia de Lectura de Chapela, a Biblioteca de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística, vanse desenvolver dúas actividades complementarias nesta semana.

O mércores, 25 de abril, ás 20.00 h, na Casa da Cultura de Redondela, o profesor e músico Moisés Quintas Suárez presentará a Guía didáctica de instrumentos galegos. Esta publicación, editada por Ouvirmos, é o compendio do seu traballo como investigador e pedagogo. Trátase dun libro-CD que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos, coa súa orixe, evolución, etimoloxía e composición, que se converte nunha práctica ferramenta de apoio para o coñecemento e ensino da música galega, ilustrada con máis de 100 fotografías e acompañada de 40 pistas de audio que reproducen o son de todos os instrumentos. O seu autor presentará este traballo e achegaranos á nosa tradición musical, facendo un percorrido polas distintas familias instrumentais e a riqueza sonora da nosa tradición.

 

Como complemento didáctico e festeiro desta presentación, actuará o grupo de zanfonas e música tradicional Os Chavellos de Pereiras integrado por persoas da bisbarra (Pereiras-Mos, Vigo, Chapela e Matamá), achegarannos o son das zanfonas, acordeóns, gaitas, percusión e voces.

As actividades programadas terán continuidade o venres 27 de abril, ás 12.00 h, tamén na Casa da Cultura. Nesta ocasión será a escritora, poetisa e comunicadora Yolanda Castaño, quen nos presente o libro Babelia en galego, editado pola Deputación de Pontevedra, e coordinado e traducido por ela mesma.

Esta presentación contará con alumnado convidado de secundaria, pero está igualmente aberta a toda a cidadanía.

Trátase dun traballo poético multilingüe que se edita coas traducións ao galego de composicións poéticas en linguas tan diversas coma o xaponés, chinés, ruso, esloveno ou maltés. A idea deste traballo colectivo xurdiu dun obradoiro que se celebrou en Eslovenia no verán de 2010 e que reuniu durante unha semana a poetas procedentes de países diversos con linguas tamén diferentes, unhas máis maioritarias e outras cun menor número de falantes, co obxectivo de dar a coñecer a creación poética contemporánea noutras linguas e achegalas, asemade, á nosa.

Estas dúas actividades veñen complementar a exposición multilingüe que esta semana estará no Multiusos da Xunqueira, na que se mostran libros en galego, portugués, castelán éuscaro, catalán, aranés, asturiano e aragonés.

Con esta mostra multilingüe xúntanse o obxectivo inicial de celebrar o día do libro co de procurar unha animación efectiva á lectura, expoñendo os libros en lugares pouco habituais para contribuír a divulgar a diversidade cultural e lingüística dos territorios máis próximos a nós.