Curso CELGA 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar unha nova edición do curso en liña do nivel CELGA 1,  dirixido a aquelas persoas maiores de 16 anos que teñan coñecementos informáticos a nivel de usuario e que estean interesadas en realizar a proba para obter esa certificación.

O prazo de inscrición remata o 14 de marzo, e o curso desenvolverase do 26 de marzo ao 1 de xuño de 2012.

As probas para a obtención da correspondente certificación celebraranse en Santiago de Compostela, Madrid, Barcelona e Ponferrada o 10 de xuño.

As persoas que desexen matricularse deberán enviar un correo electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es cos seus datos,  enderezo electrónico,  teléfono de contacto,  lugar de residencia e mais o nivel de estudos.

Pódese consultar aquí a CONVOCATORIA.

“Pelos na lingua” para alumnado de secundaria

O vindeiro venres, 9 de marzo, o alumnado dos IES Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño, asistirá á representación teatral de PELOS NA LINGUA, de Talía Teatro.

A función, promovida para o alumnado de secundaria polo SNL do Concello de Redondela, é un convite á reflexión sobre a nosa lingua, os usos e os abusos que sofre e os prexuízos que a rodean, dende unha óptica satírica e cómica, que de seguro non deixará indiferente a ninguén.

Segundo a auto-presentación de Talía Teatro, “Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos): aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non o galego, aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, aos que pensan que debería ser o inglés o idioma que falase todo o mundo, aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán, aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, todos e todas“.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Esta mesma función poderase ver o vindeiro sábado, 10 de marzo, dentro da programación de TEATRARTE.

Curso CELGA 4 en Redondela

A Secretaria Xeral de Política Lingüística vén de conceder un dos dous cursos CELGA solicitados para o Concello de Redondela.

O vindeiro luns, 12 de marzo, comezarán as clases do curso preparatorio para a obtención do  CELGA 4 en Redondela. A actividade formativa desenvolverase os luns, mércores e xoves, de 20.00 a 22.00 horas, na Sala infantil da Biblioteca, situada no primeiro andar do Multiusos da Xunqueira, en Redondela.

A asistencia ás clases está limitada, inicialmente, ás persoas que fixeron a súa inscrición nas datas fixadas anteriormente.

De haber algunha outra persoa interesada poderá solicitar a súa inclusión nunha lista de agarda, por se se produciran vacantes, no Servizo de Normalización Lingüística (na planta baixa da Casa do Concello), ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.info

 O curso preparatorio para o CELGA 2  queda fóra da programación por falta de dotación orzamentaria.

Redondela paso a paso

Hoxe comezamos un novo proxecto de divulgación do patrimonio e a historia redondelá.

Redondela paso a paso é o nome deste proxecto, promovido polo Servizo de Normalización Lingüística, que se inicia con roteiros guiados polo núcleo histórico de Redondela  para o alumnado redondelán, e que terá continuidade nun futuro coa edición dun libro e folletos divulgativos para o turismo.

Os roteiros serán guiados por dous grandes coñecedores do patrimonio e a historia redondelá, Gonzalo Amoedo López e Roberto Gil Moure, que ademais son policías locais de Redondela.

As dúas primeiras saídas programadas son para alumnado do IES Illa de San Simón (hoxe, 2 de marzo), e o vindeiro 12 de marzo para alumnado de 3º ciclo do CEIP Quintela.

A historia e o patrimonio redondelán merecen ser divulgados, e a nosa poboación escolar ten agora a oportunidade de coñecelos.