Dicionario da RAG en liña

A Real Academia Galega (RAG), aproveitando a presentación da súa nova páxina web, vén de divulgar o seu novo dicionario electrónico en liña.

Esta agardada ferramenta de consulta vén substituír o anterior dicionario en liña (1997), que non incluía os cambios relativos á última modificación das normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega (aprobadas pola institución académica en 2003), achéganos a norma da lingua galega no referente ao léxico. Poderemos atopar a ortografía normalizada das palabras e os seus significados, así como valiosa información sobre a pronuncia, as propiedades gramaticais, os sinónimos, os antónimos, o rexistro, e outros datos útiles para o uso correcto da lingua. Ademais, xunto ás acepcións do termo buscado poderemos atopar tamén distintos exemplos de uso, que facilitarán o entendemento.

Este dicionario seguirá sendo actualizado de xeito continuado polo Seminario de Lexicografía da RAG, para converterse nunha mostra viva do galego moderno.  Asemade, o Dicionario incorpora a terminoloxía científica manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos correspondentes.

Ademais, na propia web podemos atopar, desde unha guía de uso ou unha listaxe das abreviaturas empregadas, até un apartado con RECURSOS, cun fácil acceso ás Normas ortográficas e morfolóxicas da Lingua Galega, á Cartografía dos apelidos de Galicia, ou ao Dicionario de pronuncia da lingua galega, entre outros.