Día internacional da narración oral

Hoxe, 20 de marzo, celébrase o Día Mundial da Narración Oral.

A iniciativa, que comezou coa celebración dos narradores suecos a principios dos anos 90, coincidindo coa chegada da primavera, é hoxe unha festividade que se celebra en todo o mundo co obxectivo de difundir o rico patrimonio cultural que se foi transmitindo de boca a boca no decorrer dos tempos.

Este día celébrase en todo o Estado, e hoxe celebrarase, por primeira vez, tamén en Galicia. Santiago de Compostela celebra un evento organizado por Varios Ventos, a Asociación de Narradoras/es Orais de Galicia, no que se xuntarán narradores profesionais e, logo, o Pub Atlántico acollerá dúas sesións de maratón de contacontos para o público xeral, ás 21 e ás 10.30 horas, nas que participarán Cándido Pazó, Soledad Felloza, Celso F. San Martín, Charo Pita, José Campanari, Avelino González, Raquel Queizás, Tim Bowley, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e Pedron Brandariz, entre outros.

Para animar a toda a poboación redondelá, e ao resto da galega, a que conte contos aos achegados, sobre todo aos máis pequenos, mostramos este vídeo, baseado nun conto tradicional galego, que foi producido polo Xabarin club da TVG para apoiar a campaña do Patrimonio Inmaterial Galego na UNESCO.

E para gozar de novos recursos que nos axuden a transmitirlle aos máis cativos o gusto polos contos e as historias contadas na nosa lingua, recomendamos a páxina CONTOS PARA VER E CONTAR.

Que gocedes da riqueza do noso patrimonio oral, hoxe e o resto dos días do ano.