“Pelos na lingua” para alumnado de secundaria

O vindeiro venres, 9 de marzo, o alumnado dos IES Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño, asistirá á representación teatral de PELOS NA LINGUA, de Talía Teatro.

A función, promovida para o alumnado de secundaria polo SNL do Concello de Redondela, é un convite á reflexión sobre a nosa lingua, os usos e os abusos que sofre e os prexuízos que a rodean, dende unha óptica satírica e cómica, que de seguro non deixará indiferente a ninguén.

Segundo a auto-presentación de Talía Teatro, “Pelos na lingua vai destinado a todo o mundo (e non esaxeramos): aos galego falantes, aos que non o son, aos que queren selo pero non se atreven, aos que si queren selo e tomaron esa determinación, aos que non o falan porque non o saben falar ben, aos que lles dá igual que se fale ou non o galego, aos que pensan que o galego é a lingua que debería falar todo o mundo, aos que pensan que debería ser o inglés o idioma que falase todo o mundo, aos que pensan que a maioría dos galegos falan castelán, aos que pensan que a maioría dos galegos falan galego, a políticos, mestres, alumnos, actores, actrices, carpinteiros, todos e todas“.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Esta mesma función poderase ver o vindeiro sábado, 10 de marzo, dentro da programación de TEATRARTE.