Valentín Paz Andrade na rede

Valentín Paz Andrade, o homenaxeado nas Letras Galegas 2012, xa ten páxina web oficial.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e co apoio da Real Academia Galega,  o Consello da Cultura Galega, e mais o desenvolvemento asumido por Industrias Pesqueras, (revista fundada, en 1927, por Valentín Paz-Andrade e que hoxe dirixe o seu fillo, Alfonso Paz-Andrade), presentaron este proxecto que pretende divulgar a vida e obra deste “intelectual non especialista, que era como un sabio renacentista con coñecementos universais, que ficaba ben seguro de que os valores da cultura se lle dan as costas ás preocupacións, ás inquedanzas, á sorte dos homes do seu tempo, en xeral, non acadan trascendencia“, segundo o definiu Isaac Díaz Pardo.

Este web oficial do autor será un punto de referencia con información contrastada, que inclúe a súa biografía, unha bibliografía completa, un apartado de elementos multimedia con fotografías e textos inéditos dixitalizados, unha sección de novas, e unha axenda de actos e exposcións conmemorativas.

Na súa presentación, Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura,  referiuse ao web como “a versión máis actual e universal de Paz-Andrade, que é a súa nova dimensión dixital”. E definiuno como “unha nova fiestra para achegármonos a Valentín Paz-Andrade desde calquera punto de Galicia e desde calquera punto do mundo, cun acceso libre para calquera usuario e co coidado e o rigor dos axentes máis implicados”.

No mesmo acto de presentación, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salientou o compromiso lingüístico que adoptou Valentín Paz-Andrade coa lingua galega: “Fíxoo cando foi director do xornal Galicia, unha das primeiras tentativas serias de querer introducir a nosa lingua na prensa diaria, e demostrouno cultivando a lingua propia en ensaios e nunha obra poética que, precisamente este ano, se nos vai mostrar como unha revelación”.

Esta nova ventá aberta ao universo de Valentín Paz Andrade vai permitir que nos acheguemos á súa vida, á súa obra e ao seu legado.