Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe celébrase o DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA, instituído dende o ano 2000 pola UNESCO. Este ano está dedicado ao “plurilingüismo para unha educación inclusiva”.

A lingua materna é aquela na que as persoas adquiren a capacidade de falar, e o obxectivo desta celebración é contribuír ao recoñecemento da diversidade cultural e lingüística como valores universais, que estreitan a unidade e a cohesión das distintas sociedades.

A data escollida, o 21 de febreiro, coincide co asasinato de varios mozos a mans da policía en 1952, durante unha manifestación para reivindicar que a súa lingua, o Bangla, se convertese nun dos idiomas nacionais de Paquistán.

A importancia da lingua materna maniféstase dende os primeiros días da vida e ata a socialización da/o nena/o, e é na familia onde primeiro se adquire, compartindo logo o espazo vital con outros axentes externos como as escolas infantís ou os medios de comunicación.

A UNESCO aposta este ano por destacar a importancia do acceso da poboación infantil de comunidades lingüísticas non dominantes á educación no seu idioma, como garantía para a súa inclusión. E nisto podemos tamén reinvindicar nós, como galegos, posuidores dunha lingua propia, o noso espazo neste mundo plurilingüe.

“A lingua do noso pensamento e das nosas emocións é o noso ben máis prezado. O plurilingüismo é o noso aliado para velar por unha educación de calidade para todas as persoas, fomentar a inclusión e  loitar contra as discriminacións. A construción dun diálogo auténtico supón o respecto polos idiomas. Toda representación dunha vida mellor, toda aspiración ao desenvolvemento exprésase nunha lingua,  con palabras precisas para darlle vida e comunicala. As linguas son o que somos; protexelas significa protexérmonos”.

Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO

Pódese consultar aquí a MENSAXE COMPLETA.