Praza pública, novo xornal dixital en galego

O pasado 1 de febreiro comezou a súa singradura PRAZA PÚBLICA, un novo medio de comunicación na rede en lingua galega.

Foi promovido pola Fundación Praza Pública, que ten como finalidade primeira fomentar a información e o debate públicos, e convidar á participación da cidadanía galega na promoción da cultura e da lingua galegas. Preséntase así mesmo como “o xornal da Galicia que vén“.

Conta con sete seccións principais que se irán completando progresivamente: Política (galega e estatal); Mundo; Movementos sociais, ecoloxía, economía solidaria e consumo; Cultura; Economía; Deportes; e Ciencia e Tecnoloxía e Internet.

O equipo de redacción está formado por Marcos Pérez, Lara Graña e David Lombao. Pero, ademais, ten a colaboración dun numeroso grupo de xornalistas e recibe moitas outras colaboracións de distintas persoas na sección de opinión.

Desde o punto de vista tecnolóxico, trátase dun xornal deseñado integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis na rede, e emprega software libre.

Pódese acceder a través do enderezo http://praza.com/

Longa vida e feliz singradura!