O NOSO VENDE, premiados

Comezou a galeguización do comercio redondelán, de vagar pero con forza.
Parabéns a todos os establecementos premiados:

1º premio: VIMAR

2º premio: CANDIL DECORACIÓNS

3º premio: MOLIÈRE LIBRERÍA-PAPELERÍA

Os restantes establecementos inscritos que cumpriron as bases da convocatoria e obtiveron premio tamén son: BURBULLA, CACHARELA ARTESANÍA, TU-DEPORTE.COM, SCARPA REDOPIEL, S.L., MENIÑOS e CASALARANXA.

E xa comezaron tamén as cuñas publicitarias en Radio Redondela.

Vimar by Servizo Redondela

O NOSO VENDE from SNL Redondela on Vimeo.

Inscrición nos cursos CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para as solicitudes de cursos de lingua galega para persoas adultas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2012).

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela vai solicitar que algún destes cursos se poidan desenvolver no noso concello, para o que pide a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou do teléfono 986 400300, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a súa inscrición.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 26 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A celebración de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións, polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. En función da demanda poderanse solicitar un ou máis cursos de diferentes niveis.

Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor conveñan á maioría das persoas inscritas.

Tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos convocados xa noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), e para solicitalos as persoas interesadas poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria). E se algún colectivo ou asociación quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón.

 Para máis información poden contactar co SNL, na Casa do Concello (Rúa Alfonso XII, 2), ou no teléfono 986 400300.

 

Isaac Díaz Pardo, sempre na nosa memoria

Isaac Díaz Pardo faleceu esta mañá aos 91 anos.

O histórico galeguista, industrial, empresario, artista e benefactor cultural de Galicia foi unha das personalidades culturais máis senlleiras do noso país, e unha figura clave para entender o galeguismo e a evolución do país do último século.

A súa obra e a súa voz permanecerán sempre na nosa memoria.

Descanse en paz.

Noticia en EL PAÍS

Noticia en CULTURAGALEGA.ORG

Vídeos e imaxes na AVG

 

Premiados no concurso de escaparates O NOSO VENDE

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela, vén de resolver o concurso de decoración especial de Nadal para o comercio redondelán.

Este concurso para promover o comercio local incide na necesidade de facer unha promoción efectiva da lingua galega neste ámbito económico, e serve de lanzamento do programa de dinamización lingüística do comercio que se desenvolverá durante todo o 2012. O NOSO VENDE! é o nome desta campaña que inicia a súa andadura con este concurso de escaparates nos comercios redondeláns, para incidir na promoción dos seus produtos, na proximidade e no bo servizo a través do uso da nosa lingua.

Foron 9 os establecementos inscritos que cumpriron as bases da convocatoria, é dicir, que amais de ter instalada a súa decoración especial, na preparación do seu escaparate incluíron algún lema específico en lingua galega ou teñen a súa rotulación na nosa lingua. Todos eles contarán con cuñas publicitarias en Radio Redondela, que serán supervisadas polo Servizo de Normalización Lingüística, e que poderán emitirse durante o ano 2012 nas datas da súa elección.

Os establecementos premiados  son os seguintes:

 • 1º premio: 150 € en metálico e un paquete de 300 € en cuñas na Radio Municipal de Redondela (75 cuñas + ata 3 gravacións). Gañador: VIMAR.

2º premio: paquete de 200 € en cuñas na Radio Municipal de Redondela (60 cuñas + ata 2 gravacións). Gañador: CANDIL DECORACIÓN.

 • 3º premio: paquete de 100€ en cuñas na Radio Municipal de Redondela (30 cuñas + 1 gravación). Gañador: LIBRERÍA MOLIÈRE.

 Os restantes participantes que cumpriron as bases, recibirán 60 € (15 cuñas e 1 gravación) de publicidade en Radio Redondela para o ano 2012, nas datas da súa elección.

Con este concurso o SNL pretende animar a utilizar a lingua galega como idioma preferente no comercio, demostrando que é útil e que en galego pódese vender máis e mellor.