SINBAD en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela inaugura unha nova tempada de cinema en lingua galega, coa finalidade de promover o achegamento da sétima arte tamén na nosa lingua e contribuír á divulgación do cinema galego.

O filme que se proxectará é SINBAD, dirixido por Antón Dobao e cuxo guión foi elaborado por el mesmo e Marcos Nine, baseado na novela de Álvaro Cunqueiro “Se o vello Sinbad volvese ás illas”. Trátase dunha coprodución da Televisión de Galicia e mais Ficción Produccións, que chega a Redondela grazas á colaboración do AGADIC  e mais da produtora.

Conta cun reparto excepcional, formado por grandes nomes do teatro e o cinema galegos: Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas, Mariña Sampedro “Coco”, Luís Zahera, Manuel Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán “Morris”, Laura Ponte, e a colaboración especial de Mela Casal e Miquel Ínsua.

O fío da película conta a historia dun vello mariñeiro que vive tranquilamente nunha vila mariñeira, adicando o seu tempo ao coidado da súa horta, a pasear a carón do mar e a fabular. Este mariñeiro, agora retirado, que percorreu os mares coñecendo personaxes extraordinarias, foi testemuña e protagonista de feitos fantásticos. A Sinbad, que é como el quere que lle chamen, acompáñao Sara, unha nena que aprenderá con el os segredos deses mundos fantásticos, e será a que o una ao seu último proxecto: pilotar unha nave extraordinaria que o leve ás Illas Cotovías.

O filme é apto para todos os públicos e recoméndase para maiores de 9 anos. Proxectarase o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Piñeiral do Crego de Chapela. E novamente, o sábado, 11 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio da Xunqueira de Redondela.
A entrada é de balde.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística anímase a toda a veciñanza a que asista a esta proxección, que servirá para achegármonos ao cinema na nosa lingua, especialmente a poboación infantil, e que contribúe a demostrar que a lingua galega serve para todas as manifestacións artísticas e culturais.