Topónimos do Campus de Vigo

A Universidade de Vigo elaborou un mapa toponímico do seu campus.

Chan da Lagoa, A Pedreira, A Xunqueira, A Cumieira… son algúns dos nomes que mostran a riqueza toponímica do campus de Vigo que, de recuperar o nome tradicional dese lugar, poderíase chamar Campus de Vilariño.

A Vicerreitoría de Extensión Universitaria decidiu recuperar todos eses topónimos para contribuír a protexer os nomes tradicionais de Galicia, que en moitos lugares están a piques de desaparecer, e que noutros casos foron substituídos por termos artificiais ou inventados.  Iván Sestay, titulado da Facultade de Filoloxía e Tradución, que xa ten elaborado estudos de nomes de lugar en Moaña ou no barrio vigués de Coia, foi o encargado de elaborar este traballo. A recollida destes microtopónimos foi representada nun mapa que servirá para divulgalos e identificalos sobre o terreo.

Segundo manifestou a Vicerreitoría “A idea é divulgar o significado, antigüidade e orixe dos topónimos, practicamente todos eles transparentes e de orixe latina… recomendarase a súa utilización e marcaranse sendeiros e vieiros cos nomes“. Ademais  tratarán de trasladar estes nomes á sinaléctica,  para o que están en contacto co Concello de Vigo,  e estase a traballar tamén para que estes datos se inclúan en aplicacións coma o Googlemaps, Google Earth ou GPS.

Máis información no DUVI