VITAMINAS PARA O GALEGO en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza un acto de presentación do  proxecto VITAMINAS PARA O GALEGO.

Trátase dunha campaña de sensibilización levada adiante por distintos medios como  Galicia Confidencial, Tempos Novos, Praza Pública, Novas da Galiza, Radiofusión, Valminor.info, quepasanacosta, Certo.gl, O Sil e Crónica3, e que apoian tamén Terrachá.xa, Crónicas da comarca (Arzúa – Melide), Radio Nordés (Vimianzo), Cadernos de Comunicación e Análise, Hermes e Atenea, Surfgz.com, Disquecool, Cabozo e Vencello. Todos estes promotores son medios e redes sociais que teñen en común a utilización da lingua galega como lingua de comunicación.

O idioma galego necesita axuda, necesita vitaminas que lle dean forza e o impulsen, sobre todo nos ámbitos sociais e comunicativos. Neste proxecto participan os medios que empregan, prestixian e difunden a nosa lingua, o noso xeito de falar,  e reivindican o feito de que a pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar.

Os medios son as VITAMINAS que necesita a nosa lingua para garantir o seu prestixio e o futuro do idioma para as vindeiras xeracións. Para espallar esta idea xorde o proxecto “Vitaminas para o galego“, impulsado por estes medios en galego e que se centrará en eventos que se desenvolverán en distintas vilas galegas, e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera de 2012.

No acto que se celebrará o vindeiro venres, 20 de xaneiro, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Redondela,  participarán como relatores: Pedro Telmo (O VAL MIÑOR.INFO), Marcos Pérez (PRAZA PÚBLICA), Henrique Sanfiz (RADIOFUSIÓN), e representantes d’A MESA, PRO-LINGUA e AGAL.
Ademais, como broche de ouro, contarase coa actuación do músico Roi Casal e da cantante Silvia Ferré.

O Servizo de Normalización Lingüística anima a toda a cidadanía a que se achegue e apoie esta iniciativa, e que demande medios en galego para sabermos máis de nós e do mundo que nos rodea.