Inscrición nos cursos CELGA

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para as solicitudes de cursos de lingua galega para persoas adultas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2012).

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela vai solicitar que algún destes cursos se poidan desenvolver no noso concello, para o que pide a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou do teléfono 986 400300, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a súa inscrición.

O prazo para realizar a solicitude remata o vindeiro 26 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto e nivel de coñecemento da lingua galega que posúen, ou o curso CELGA que desexan facer.

A celebración de cursos no Concello de Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de inscricións, polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. En función da demanda poderanse solicitar un ou máis cursos de diferentes niveis.

Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor conveñan á maioría das persoas inscritas.

Tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos convocados xa noutras poboacións (as máis próximas son Vigo e Pontevedra), e para solicitalos as persoas interesadas poderán facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria). E se algún colectivo ou asociación quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón.

 Para máis información poden contactar co SNL, na Casa do Concello (Rúa Alfonso XII, 2), ou no teléfono 986 400300.